Carballo incia un proxecto de compostaxe caseira para reducir a produción de lixo e mellorar a súa xestión
Carballo Limpo vén de presentar no Horto Infantil Municipal o seu novo proxecto de Compostaxe Caseira, que comezará a implantarse a partir do mes de setembro. O Concelleiro de Servizos, Luís Lamas, explicou que serán 50 as vivendas que poderán beneficiarse deste proxecto piloto recibindo gratuitamente un composteiro, unha bolsa de estruturante natural e a formación e seguimento preciso para poñelo en funcionamento.
Os beneficiarios serán seleccionados de entre os habitantes de vivendas unifamiliares do medio rural e tamén cun criterio de reparto poboacional, tentando distribuír os composteiros nos máis de 180 quilómetros cadrados do municipio. De haber máis demanda que oferta, realizarase un sorteo entre as solicitudes presentadas. Está previsto que a experiencia se prolongue durante un ano co obxecto de formar, en verbas de Lamas, a “mestres composteiros” que axuden a implantar máis adiante a iniciativa no maior número posible de vivendas. As solicitudes para participar poden presentarse a partir do venres 11 de xullo e até o 31 de agosto no departamento de Medio Ambiente situado no primeiro andar do Concello. Segundo subliña o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, o obxectivo desta iniciativa é “reducir o lixo depositado no colector, mellorar a reciclaxe e reducir a contaminación”.
O Alcalde, Evencio Ferrero, espera que “a compostaxe sexa útil no futuro para as familias do medio rural”, seguindo coa tradición existente e “mellorando a calidade do compost”. A compostaxe caseira consiste no uso de composteiros para poder reciclar os restos orgánicos que producimos nas nosas vivendas sen ter que tiralos ao lixo. Este método converte os restos de comida en compost que despois se pode aproveitar como fertilizante. Este é un proceso que está máis que probado e que non ten porque producir molestias nin malos olores si se realiza do xeito adecuado, e por iso Carballo Limpo realizará unha entrega tutelada de cada un dos composteiros, poñendo persoal técnico que visitará as vivendas entre dúas e tres veces por semana durante o primeiro mes e que continuará facendo un seguimento semanal durante os meses seguintes.
Desde o Concello considéranse moi importantes este tipo de iniciativas, por iso se engadiron ao proxecto que está executando a empresa UTE Carballo, responsable do servizo de recollida de lixo, e formada por Urbaser e Servigal. A redución das toneladas de lixo que se levan a Sogama é un obxectivo de todo o equipo de Carballo Limpo, por eso se espera que este proxecto teña éxito e poder amplialo no futuro a un número maior de vivendas. Ademais de no Concello, as solicitudes tamén poderán descargarse previamente do web <www.carballolimpo.com>, no seu apartado de “Carballo Limpo Informa”. Desde Carballo Limpo, agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17 para o Punto Limpo Móbil, a través da páxina web <www.carballolimpo.com> ou no Twitter @CarballoLimpo.











