publicidade hoxe

Carballedo acolle o único campamento da Xunta con actividades en inglés da campaña de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballedoLocal Portada
A-
A+

A campaña de verán da Xunta de Galicia oferta por primeira vez un campamento con actividades en inglés, co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas dos participantes. Este “proxecto piloto” estase a desenvolver no poboado dos Peares “Adventure Camp”, no concello de Carballedo.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe esta iniciativa, na que están a participar 50 mozos e mozas de entre 15 e 17 anos entre o 14 e o 21 de xullo.

Os participantes no “Adventure Camp” contan con clases e actividades en inglés todos os días, visitas culturais, actividades deportivas e acuáticas, excursión en catamarán polo embalse, e obradoiros creativos e veladas.

En total, a provincia de Lugo oferta este ano 1.875 prazas dentro da campaña de verán. Ademais da instalación dos Peares, tamén hai actividades nos campamentos de Os Chacotes, en Palas de Rei, e da Devesa, en Ribadeo; no complexo xuvenil LUG II da capital; e nos albergues Area, de Viveiro, e Benigno Quiroga, de Portomarín. Neste último, tamén terá lugar un campo de traballo de difusión turística do Camiño entre o 11 e o 22 de agosto.

A oferta da campaña de verán a nivel autonómico acada as 8.268 prazas, un 2,7 por cento máis que o ano anterior. Nesta programación inclúense actividades para persoas de entre 18 e 30 anos (campamentos en Galicia e noutras comunidades; actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro…). A Xunta destina 2,3 millóns e euros a esta iniciativa, o que permitirá a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Voluntariado Xuvenil

Rodeiro aproveitou a súa estadía na provincia de Lugo para visitar o proxecto de voluntariado que se está a desenvolver no concello de Quiroga. Alí reuniuse cos responsables e voluntarios que o están a desenvolver.

En total, son 8 os voluntarios que participan neste concello na organización de diferentes actividades de carácter formativo e lúdico destinadas aos menores durante as vacacións do verán (traballos manuais, actividades deportivas, repaso escolar…). Tamén se van realizar certames literarios e distintos concursos (fotografía, camisetas…), así como excursións e actividade de “noites alternativos”.

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa de Voluntariado Xuvenil da Xunta, que permite este ano que un total de 69 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos se incorporen como voluntarios a proxectos solidarios de 8 concellos e 8 entidades da provincia de Lugo. En total, executarán 2.373 xornadas de acción voluntaria.

Segundo destacou o director xeral, trátase do “primeiro programa en todo o Estado que aposta polo compromiso social directo da mocidade”. Os participantes recibirán ademais unha certificación oficial da experiencia adquirida mediante este proceso de educación non formal, tal e como se establece na nova Lei de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Os proxectos de voluntariado teñen unha duración de entre 15 e 60 días e céntranse en áreas relacionadas co Camiño de Santiago; coa recuperación da cultura, o arte, ou as tradicións populares galegas; cos colectivos en situación de risco; con proxectos xuvenís; con actividades ambientais ou relacionadas coa igualdade de xénero.

O departamento autonómico destina ao programa de voluntariado Xuvenil un total de 440.000 euros, un 17 por cento máis que o ano pasado, o que permite que en Galicia se incorporen como voluntarios 736 mozos e mozas a proxectos de 54 concellos e 68 entidades.

15 de xullo de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.