Cangas iza nas súas praias as bandeiras azuis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A izada de bandeiras correu a cargo do concelleiro de Praias, Jesús Graña, a concellería de Turismo, Berta Pérez, acompañados por outros concelleiros do grupo de goberno e persoal municipal destinado en praias que colocaron os distintivos de Bandeira Azul nos arenais de Arneles e Rodeira respectivamente.

O acto responde segundo manifestación do concelleiro, Jesús Graña, ao compromiso adquirido por este Goberno para iniciar a temporada de verán o día 1 de xullo e finalizando o 31 de agosto. É o resultado do gran esforzo de todos para potenciar o noso turismo como elemento diferenciador e apostando por unha forma máis de activación económica para o municipio.

O Concello de Cangas conta este verán con 10 distintivos de Bandeira Azul nas súas praias, tres máis das obtidas o pasado ano. Ás praias galardonadas o pasado ano Rodeira, Areamilla, Liméns, Nerga, Melide, Areabrava e Menduíña, súmanse este ano os areais de Arneles, Areacova e Francón, coverténdose así no segundo concello de España en lucir un maior número destes galardóns. A estes premios hai que sumarlles a bandeira de Sendeiro Azul de Cabo Home.

Estes galardóns, outorgados pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) premia a calidade excelente das augas de baño, a continua limpeza dos areais e a existencia dunha serie de servizos coma socorristas, equipos de primeiros auxilios, sinalizacións, accesos e puntos de auga doce.

As actuacións previstas polo Concello para a mellora do estado dos areais en xeral quedou patente coa contratación 22 persoas encargadas de manter limpos os areais que desde o 16 de xuño está traballando. Tres operarios son os encargados de manter este ano en bo estado as praias de Rodeira, Alemáns, Canabal e Carballo cunha limpeza diaria. En Areamilla, Salgueirón, Massó, Congorza e Praia do Medio tamén se dipuxo de 3 persoas para realizar as tarefas de limpeza todos os días. En Liméns, Santa Marta e Porto contarán con dúas persoas. En Nerga haberá dúas persoas, tres en Areabrava e dúas en Arneles, Castiñeiras, Pimpim, San Xián e Pinténs, así como en Barra e Viño e unha para a praia de Melide. As praias de Menduiña, Areacova, Francón e Sartaséns disporán de tres persoas que ao igual que as anteriores realizarán as labores de limpeza todos os días ao igual que os dous operarios encargados da limpeza de Vilariño e San Cibrán. Complementan os servizos o persoal contratado como socorristas cun total de 25, 4 patróns e 1 coordinador que velarán pola seguridade dos bañistas ata o 31 de agosto. Dentro das actuacións encamiñadas a mellorar as infraestruturas dos areais municipais están a colocación do balizamento e papeleiras distribuídas nos distintos areais.

As Bandeiras Azuis poñen en valor un dos principais atractivos do municipio cangués, cuxas 38 praias repartidas polos 31 quilómetros de costa cos que conta o concello o converten nun atractivo destino turístico.

1 de xullo de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.