Cangas contratará a 21 desempregados para o obradoiro da Granxa da rúa V

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Concellería de Emprego de Cangas dirixida por Berta Pérez iniciou hoxe, xoves día 10 de xullo, ás 11:00 horas no salón de plenos do Concello, o proceso de selección de 52 persoas das 63 solicitadas á oficina de emprego (INEM) para formar parte no proceso selectivo que permitirá a contratación de 21 alumnos-traballadores do obradoiro de emprego da Granxa da Rúa V para as especialidades de : “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” e “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio

Nesta primeira convocatoria os interesados fixeron entrega da documentación requirida na orden de data 23 de decembro de 2013 da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia (titulación, DNI, etc…), que xunto co cuestionario persoal cumprimentado permitirán determinar o perfil profesional e preferencias de cada un dos aspirantes.

Os resultados deste primeiro proceso publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello de Cangas o próximo día 1 de agosto.

Os candidatos seleccionados serán chamados a unha segunda entrevista na que se valorará a súa dispoñibilidade e interese a través dunha entrevista individual. Quen supere as dúas fases de selección terán un contrato laboral de formación co Concello de Cangas, durante 6 meses, nas que recibirán clases teóricas, prácticas e de prestación de servizo, cun total de 8 horas diarias polas que percibirán unhas retribucións económicas que equivaldrán ao salario mínimo interprofesional máis as pagas extras prorrateadas.

Dos 21 alumnos elixidos, 11 se destinarán a especialidade de “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” que prestarán o servizo de obra na Alameda Nova, Alameda Vella e a de Aldán, mentres que os 10 restantes destinados na especialidade de “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio” prestarán o seu servizo nos enderezos particulares dos casos facilitados a través do Servizo de Benestar Social do Concello de Cangas. Finalizado o proceso de formación e obra os alumnos contarán cunha titulación oficial.

A selección do persoal para este obradoiro é mixta, e lévase a cabo entre a Xunta de Galicia e Concello de Cangas. En canto ao persoal docente se precisará 1 director e dous titores, un para cada unha das especialidades ofertadas.

10 de xullo de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.