publicidade hoxe

Campaña de difusión en Teo para incidir sobre a capacidade de apoio dos servizos sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O departamento de Benestar do Concello de Teo quere que calquera persoa que precise axuda para cubrir as necesidades básicas saiba a onde acudir. E para eso vén de poñerse en marcha unha campaña de difusión sobre o papel dos servizos sociais comunitarios. Nestes días xa se está distribuíndo un cartel informativo en lugares como os centros de saúde, piscinas municipais, supermercados, escolas infantís ou entre o tecido asociativo.

“Queremos estar seguros de que as persoas que estean pasando dificultades saiban onde estamos e o que podemos facer por eles” destaca Ignacio Iglesias, concelleiro de Benestar. A imaxe da campaña destaca que os servizos sociais son unha garantía para a calidade de vida. Lembra ademais que as consecuencias da crise son inxustas e anima ás persoas que estean padecendo unha situación de dificultade a que acudan aos servizos sociais.

Iglesias destaca que dende o departamento que coordina se atenden aquelas necesidades básicas e urxentes como pode ser a alimentación ou o vestido ademais de coordinar e xestionar a tramitación de axudas supramunicipais. Dende o servizo inciden en que o seu obxectivo principal “é apoiar a quen se atopa débil neste momento e poder buscar un camiño cara a solución a esa situación que debe ser transitoria”.

Dende os servizos sociais xestiónanse catro programas de atención alimentaria e o roupeiro municipal polo que estes temas básicos se poden cubrir dun xeito áxil e directo para as persoas que teñan esas parcelas sen cubrir.

Para poñerse en contacto cos Servizos Sociais comunitarios do Concello de Teo pódese chamar ao número 981 809 707, escribir un mail a servizossociais@concellodeteo.com ou achegarse ao primeiro andar do Centro Sociocultural da Ramallosa onde traballa o equipo técnico municipal.

24 de xullo de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.