Cambre presenta o NOITES ROCK como unha oportunidade para a promoción dos grupos locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCambre
A-
A+

O concelleiro de Cultura, Santiago Ríos, ofreceu unha rolda de prensa para presentar o concerto de grupos locais NOITES ROCK. O edil popular estivo acompañado por Quilo Moar, do grupo Destemplaos, Alex Fernández, de Efecto Inverso, e Juan Carlos Cernadas de Mala Sombra, tres das formacións que actuarán no Campo da Feira mañá venres desde as 21.50 horas. O cartel complétano Morgen e Sive, e cada un dos grupos tocará durante 45 minutos. Segundo Ríos, trátase dunha boa oportunidade para promocionar aos grupos locais. Precisou, ademais, que o municipio pode presumir de ter a máis dunha ducia de grupos de rock locais de alta calidade e que por este motivo “é o meu deber promocionalos e apoialos e creo que esta é a mellor forma de facelo”, sentenciou.

Desde que chegou este goberno local ao concello tratou de promocionar e apoiar aos grupos locais e espero que este concerto se prolongue no tempo”, apuntou. Lembrou que este ano os grupos cobrarán 250 euros pola actuación, un feito que non se produciu nunca nos concertos organizados polo concello para os grupos locais, excepto para as formacións que facían de teloneiros do Rock in Cambre. “Como sabedes este ano os grupos seleccionados para ser teloneiros do Rock in Cambre, son dous que hoxe tamén están aquí, Malasombra e Efecto Inverso, que cobrarán 700 euros pola súa actuación o 2 de agosto”, puntualizou. Así mesmo, lembrou o esforzo do departamento de Xuventude por mellorar os locais de ensaio da Barcala, que hoxe alberga a case unha decena de grupos locais e no que mellorou a acústica e a insonorización dos mesmos.

Os integrantes dos grupos agradeceron a oportunidade que lles brinda o concello nesta ocasión e aproveitaron o momento para realizar algunhas suxestións sobre próximas edicións que o edil de Cultura prometeu estudar.

17 de xullo de 2014 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.