Cambre acolle a XXV Copa Galega de Halterofilia masculina e feminina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreDeportes
A-
A+

Cambre acollerá por primeira vez este sábado a XXV Copa Galega de Halterofilia Masculina e Feminina que organiza a Federación Galega de Halterofilia no Anfiteatro do parque da igrexa. O concelleiro de Deportes, Fernando Caride, e o presidente da Federación galega de Halterofilia, Óscar Fernández, presentaron o evento deportivo esta mesma mañá no concello. A Copa Galega de Halterofilia é unha competición de continuidade harmónica na que participan as mellores marcas de Galicia nas diferentes categorías de idade e peso corporal (infantil, xuvenil, junior e absoluta), tanto masculinas como femininas.

Máis de 30 deportistas de toda a xeografía galega daranse cita no parque da igrexa de Cambre este sábado en horario matutino. Na competición poderase ver a diferentes campións galegos, de España e de Europa, mesmo tres deles participarán no Campionato do Mundo e para iso prepararanse en Barcelona, nun centro de alto rendemento.

Segundo Caride, Cambre ten a oportunidade de albergar un acontecemento deportivo de primeiro nivel e o obxectivo do seu departamento é dar visibilidade aos deportes “mal chamados” minoritarios. Pola súa banda, Fernández indicou que a Federación Galega conta con deportistas do nivel de Victor Campos, Alberto Díaz ou Irene Martínez e que é unha oportunidade para poder gozar deles nunha competición ao aire libre. Destacou o apoio que recibiu do Concello de Cambre para poder levar a cabo este evento e está convencido de que atraerá a moitos amantes deste deporte pola súa espectacularidade. Asegura que ao contrario do que se pensa a halterofilia é un deporte moi técnico, xa que os deportistas de pouco peso son capaces de levantar o dobre do seu peso e fano grazas, sobre todo, a unha técnica depurada. O edil popular aproveitou a presentación para anunciar que espera que se repita a competición en anos próximos, xa que considera importante dar importancia a un deporte olímpico como este “que ás veces non está o suficientemente recoñecido”.

10 de xullo de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.