Cambio de sentido na circulación das rúas Arcebispo Xelmírez, Fariña Ferreño e Celso Emilio Ferreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A reordenación do tráfico rodado no centro de Vilagarcía entra a vindeira semana nunha nova fase que afectará directamente ás rúas Arcebispo Xelmírez, o último tramo de Fariña Ferreño e Celso Emilio Ferreiro onde se inverterán os sentidos da circulación actuais. Operarios municipais iniciarán o luns o pintado da sinalización horizontal e a instalación da vertical e repartiranse follas informativas polos barrios afectados para advertir da reordenación que entrará en vigor cara finais desa mesma semana.

Despois da peonalización e os cambios circulatorios realizados a pasada semana nas rúas situadas entre o Xardín de Ravella e a Praza da Independencia, a Concellería de Tráfico avanza cunha nova medida que ten como obxectivo mellorar a fluidez do tráfico nunha área contigua, a efectos de facilitar o tránsito dos vehículos que proceden desta. A zona afectada agora é a comprendida entre a Praza da Independencia e o Parque Celso Emilio Ferreiro e as principais variacións prodúcense nas rúas Arcebispo Xelmírez, o último tramo de Fariña Ferreño e Celso Emilio Ferreiro, nas que se inverte o sentido da circulación.

Así, os coches que accedan á Rúa San Roque dende a Praza da Independencia ou Gumersindo Nartallo, poderán continuar ata a gasolineira ou xirar á esquerda para meterse por Arcebispo Xelmírez. Dende esta rúa pode concertarse con Santa Eulalia pola travesía Arcebispo Xelmírez, que se mantén como enlace, ou continuar ata o cruce con Fariña Ferreño. Neste punto prodúcese o segundo cambio xa que os coches terán obrigatoriamente que xirar á esquerda para adentrarse polo último tramo de Fariña Ferreño para dirixirse cara Rodrigo de Mendoza por Santa Eulalia ou continuar por Celso Emilio Ferreiro para conectar con Rodrigo de Mendoza ou Ramón Cabanillas. Esta última funciona tamén con un único sentido de subida cara a Rúa San Roque dende hai unhas semanas, un cambio que permitiu habilitar unha liña de aparcamentos en batería eliminando un carril da circulación.

Aparcamentos en batería en Ramón Cabanillas

As previsións do concelleiro de Tráfico, Benito Pérez Dorgambide, son que os traballos de sinalización horizontal e vertical podan rematarse a mediados de semana, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan o pintado. Unha vez completada a sinalización entrará en vigor a reordenación.

Para minimizar os impactos dos cambios nunha zona céntrica e que rexistra unha elevada intensidade de tráfico urbano, como xa fixo no entorno de Ravella, o Concello distribuirá a próxima semana unha folla informativa entre os edificios e baixos comerciais dos barrios afectados.

5 de xullo de 2014 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.