Caballero acusa a Hernández de negarse a dar axudas a Peinador porque ía ser alcalde de Santiago
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este martes ao PP de telo “todo preparado” no plan do presidente Feijóo “para pechar” o aeroporto de Peinador, e subliñou que o exconselleiro Agustín Hernández “se negaba a dar axudas” a Vigo “porque se ía presentar á alcaldía de Santiago”.
En declaracións aos medios, o rexedor olívico recordou que, na súa etapa de conselleiro, Agustín Hernández daba axudas a Santiago “e agora é o alcalde”. “Estaba todo preparado”, sinalou Caballero, quen apuntou que, malia a intención do presidente galego de “pechar” a terminal viguesa, esta “empeza a despegar”.
Segundo Abel Caballero, “hai unha estratexia conxunta do PP” na Xunta e na deputación de Pontevedra, que consiste en “coller o diñeiro de Vigo e levalo a outros sitios”. “Pero vai haber eleccións pronto e todo vai cambiar”, concluíu.











