Brión pon en marcha a súa sede electrónica que estará dispoñible as 24 horas
O Concello de Brión vén de poñer en marcha a súa sede electrónica municipal (sede.concellodebrion.org), cuxa xestión está delegada na Deputación da Coruña, e accesible tanto dende a web municipal (http://www.concellodebrion.org/) como directamente (https://sede.concellodebrion.org/gl/). Esta sede electrónica é unha prolongación da oficina administrativa tradicional, coa importante vantaxe de que estará dispoñible as 24 horas dos 365 días do ano para que os veciños e veciñas de Brión podan realizar os seus trámites de forma gratuíta e permanente.
A Sede Electrónica do Concello de Brión ofrece a posibilidade de realizar ata trece tipos de xestións diferentes. En todos os casos, os veciños e veciñas de Brión disporán dunha completa información sobre o procedemento que solicitan e que inclúe: unha descrición do obxecto da solicitude, especificación de quen pode presentar esa solicitude e unha breve explicación de como e onde facelo, así como unha relación de toda a documentación precisa en cada caso. A partir de aí, o veciño/a de Brión poderá elixir entre descargarse os impresos correspondentes (para despois entregalos en persoa no Rexistro Xeral do Concello) ou ben iniciar a tramitación online.
Se opta pola tramitación online, a Deputación da Coruña garantirá en todo momento a identidade, integridade e autenticidade do veciño ou veciña de Brión a través dos Certificados Electrónicos. Ademais, conta cun rexistro telemático que acredita e certifica estas transaccións de información.
Servizos dispoñibles
A día de hoxe, a Sede Electrónica do Concello de Brión ofrécelles aos veciños e veciñas do municipio o acceso directo a un total de 13 xestións divididas en 7 grupos de actividade. Así, os veciños e veciñas poderán obter comodamente dende as súas casas certificados de empadroamento, solicitar o servizo de axuda a domicilio ou calquera outro servizo de carácter social, así como presentar reclamacións, queixas e suxestións.
A nivel urbanístico, poderanse realizar as comunicacións previas de inicio ou modificación de actividade, comunicacións previas de obra ou de obra de adecuación de local para actividades, así como solicitar licenza de actividade ou de edificación. Ademais, a través da sede electrónica tamén poderán presentar a solicitude para participar nun proceso de selección de persoal do Concello de Brión, solicitar a devolución dun aval ou solicitar a inscrición dos seus cans no rexistro de animais perigosos. Por último, tamén existe un apartado para presentar solicitudes de carácter xeral.











