Brión homenaxeará cun busto na Carballeira de Santa Minia a Roberto Vidal Bolaño
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, e a viúva de Roberto Vidal Bolaño, Belén Quintáns, serán os encargados de descubrir mañá xoves 31 de xullo un busto en bronce en homenaxe ao ilustre dramaturgo, que viviu os seus últimos anos de vida no municipio. Un acto que terá lugar ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Brión, a carón da Carballeira de Santa Minia. A asistencia é libre e de balde.
O acto estará presidido polo alcalde brionés, Xosé Luís García, e contará coas intervencións de:
– Anxo Lorenzo, secretario xeral da Consellería de Educación
– Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega
– Henrique Monteagudo, secretario xeral da Real Academia Galega
– Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)
– Francisco Macías, da asociación Roberto Vidal Bolaño e editor de Edicións Positivas
– Víctor Freixanes, veciño de Brión e membro da RAG e do CCG
– Xosé Vizoso, deseñador autor do busto que mañá se inaugura
– Belén Quintáns, viúva de Roberto Vidal Bolaño.
A escultura ocupará un lugar destacado no municipio: a carballeira de Santa Minia, concretamente no xardín situado en fronte da Casa da Cultura. Un lugar cargado de simbolismo pois era onde Roberto Vidal Bolaño ensaiaba co seu grupo “Teatro do Aquí”. Ademais, a data escollida (31 de xullo) coincide co 64 aniversario do nacemento do ilustre dramaturgo.
O busto de Roberto Vidal Bolaño foi deseñado polo recoñecido debuxante e deseñador gráfico Xosé Vizoso, residente en Brión e un dos grande deseñadores de Sargadelos. A escultura en bronce foi elaborada polo propio Vizoso en colaboración con Roge Fernández, a través da técnica de fundición en bronce á cera perdida (Fundición Wenceslao).











