Brión homenaxeará a Roberto Vidal Bolaño inaugurando un busto do dramaturgo na carballeira de Santa Minia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

“O Concello de Brión a Roberto Vidal Bolaño. 31 de xullo de 2014”. Esta é a escueta placa que acompañará o busto en bronce do insigne dramaturgo, que será inaugurado o próximo 31 de xullo, ás 20:30 horas, coincidindo co día do seu nacemento. Unha escultura que ocupará un lugar destacado no municipio: a carballeira de Santa Minia, concretamente no xardín situado en fronte da Casa da Cultura onde este ilustre veciño ensaiaba co seu grupo “Teatro do Aquí”.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, entende que “é o emprazamento idóneo para este fermoso busto, xa que cómpre lembrar que a carballeira de Santa Minia foi tamén o escenario ao aire libre onde se representaron varias obras teatrais dirixidas e interpretadas por Roberto, como a A ópera de a patacón ou Touporroutou da Lúa e do Sol”. Ademais, na Casa da Cultura de Brión se representaron pezas como “Oé, oé, oé”, “Sen ir máis lonxe”, “Os Papalagüi” e “Animaliños”, obra inspirada nas vivencias cotiás de Vidal Bolaño no barrio brionés onde residía.

“Un emprazamento, pois, cargado de moito simbolismo. Porque Brión non esqueceu en ningún momento a figura de tan ilustre veciño, que pasou entre nós os seus derradeiros anos na compaña da súa familia”, explica Xosé Luís García. De feito, a pegada de Vidal Bolaño en Brión aínda segue moi viva, como ben se puido comprobar en 2013, coincidindo coa súa elección como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Unha homenaxe que chegou non só do Concello de Brión, senón da comunidade educativa brionesa,.

Características do busto

O busto de Roberto Vidal Bolaño foi deseñado polo recoñecido debuxante e deseñador gráfico Xosé Vizoso, residente en Brión. A escultura en bronce foi elaborada polo propio Vizoso en colaboración con Roge Fernández, a través da técnica de fundición en bronce á cera perdida (Fundición Wenceslao). A obra acompáñase dun audiovisual que recolle o proceso de elaboración do busto, con entrevistas relacionadas con Roberto Vidal Bolaño.

23 de xullo de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.