Besteiro pide respecto despois de que a Policía Xudicial acudira á Deputación a solicitar información

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que a institución que dirixe está “absolutamente tranquila” tras a visita de varios axentes da Policía Xudicial, que acudiron este mércores á súa sede para solicitar “información complementaria” sobre o programa de visitas ‘Km 0’.

En declaracións aos medios, Besteiro sinalou que os axentes que se desprazaron este mércores á Deputación de Lugo estaban a cumprir coa súa función, polo que remarcou que “o primeiro” é “respectar” o seu traballo e responder favorablemente á petición de documentación, que é o que fixo a institución provincial.

“Agora na Deputación seguimos traballando; non teño nada máis que dicir, só respectar e colaborar”, sinalou Besteiro, quen puxo en valor o feito de que unha institución “colabore” nos “tempos” que “toca vivir”.

“A petición de información faise en moitas institucións e o que temos que facer nós é ser respectuosos”, insistiu, para engadir que calquera servizo público “ten abertas as portas da institución” para as aclaracións que correspondan nun determinado asunto.

“Creo que iso é o que debemos facer e o demais é enredar”, engadiu, antes de incidir en que se a Xustiza ten calquera dúbida sobre un expediente hai que contribuír a “aclarala convenientemente” e “non entorpecer” o seu labor. “Nese sentido, a Deputación está absolutamente tranquila”, concluíu.

30 de xullo de 2014 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.