Benestar financia un programa de apoio ás familias monoparentais de Cáritas Santiago con 25.000 euros

Beatriz Mato na reunión co responsable de Cáritas. Foto: X. Crespo
A Consellería de Traballo e Benestar financiará con 25.000 euros un programa posto en marcha por Cáritas Santiago e que se seguirá a desenvolver ao longo deste ano co obxectivo de ofrecer formación, orientación e apoio ás familias monoparentais que, carentes de medios e recursos axeitados, precisan dun servizo asistencial para a normalización da súa convivencia.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o director de Cáritas Santiago, José Anuncio Mouriño, asinaron hoxe este convenio de colaboración polo que o departamento autonómico contribuirá a sufragar os gastos deste programa que terá lugar no centro de Cáritas de Santiago ao longo deste ano.
No ano 2013 o departamento autonómico apoiou o labor de Cáritas con máis de 880.000 euros a través de distintas liñas que inclúen, ademais deste convenio, o concerto de prazas para menores, mantemento de actividades, fomento da inclusión, cursos de formación, plans de cooperación ou programas de xuventude e voluntariado.
En total, na lexislatura pasada achegáronse preto de 3,5 millóns de euros aos diferentes programas de Cáritas, que beneficiaron ás cinco dioceses que compoñen Cáritas Galicia (Santiago, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo).











