Benestar abrirá novos grupos de ximnasia e memoria no programa de envellecemento activo de Teo
O programa de envellecemento activo do Concello de Teo, coordinado polo departamento de Benestar oferta as actividades de ximnasia adaptada, estimulación cognitiva e pintura na que participan preto de 250 maiores cada tempada. O éxito e o bo funcionamento destas clases fixo que se acordara ampliar a oferta de grupos, abrindo polo menos dous novos grupos de ximnasia e memoria.
Segundo explica Ignacio Iglesias, concelleiro de Benestar, “nos últimos anos impulsouse un programa específico para as persoas de máis de sesenta anos no que se potencia a súa autonomía funcional e se reforzan as súas habilidades para mellorar a súa calidade de vida”.
A ximnasia adaptada está funcionando xa en Calo, Vilariño, Oza, Os Tilos, Cacheiras, Lucí, Rarís, Luou e Francos e participaron o ano pasado case 200 persoas. Os grupos de memoria realízanse en Vilariño, Recesende e Calo e trabállase a estimulación cognitiva para exercitar o cerebro e reforzar as habilidades mentais. As clases de pintura realízanse na Ramallosa e están dirixidas a potenciar a expresión persoal a través da arte.
As actividades desenvólvense ao longo de todo o ano mais nos meses de xullo e agosto descansan xa que tradicionalmente a asistencia dimunuía considerablemente. Benestar quixo despedir o curso cunha pequena festa na Casa Común de Rarís na que participaron ó redor de 150 persoas dos asistentes ás actividades. O programa de envellecemento activo conta co financiamento da Deputación da Coruña.











