publicidade hoxe

Belén do Campo participa no izado de bandeiras azuis nas praias de Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+
Belén do Campo no izado das bandeiras

Belén do Campo no izado das bandeiras

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou esta tarde no acto de izado das Bandeiras Azuis nas praias do municipio de Boiro. Do Campo estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e polo alcalde, Juan José Dieste, de quen salientou o esforzo para conseguir manter en seis o número destes distintivos un verán máis: Carragueiros, Barraña, Piñeirón, A Retorta, Saltiño-Barraña e A Ladeira do Chazo.

Os areais renovaron o distintivo tras comprobar que reúnen as condicións necesarias en materia de salubridade das augas, limpeza, infraestruturas relativas aos accesos, duchas, facilidades para discapacitados, vixilancia e seguridade, entre outros servizos. “Estes galardóns ao concello de Boiro contribúen a que Galicia se manteña no 2014 como a Comunidade Autónoma española con maior número de Bandeiras Azuis”, indicou a delegada, que destacou que este tipo de recoñecementos “son froito do esforzo continuado e a colaboración entre diferentes administracións que consolida aos areais como puntos de referencia turístico”.

Ademais das Bandeiras Azuis, o municipio acadou o distintivo ‘Q de Calidade Turística’ para as praias de Carragueiros, Retorta e Mañóns e o de Sendeiro Azul para o camiño que as percorre. Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia felicitou ao concello por promover o uso sostible da costa e a recuperación destes espazos para o disfrute da natureza por parte dos veciños e tamén como atractivo turístico. Neste senso, Do Campo animou aos responsables municipais e aos cidadáns a manter a actual liña de atención desta paraxe e, en xeral, do borde costeiro.

Na mesma liña, Do Campo mostrouse partidaria de continuar coa coordinación das administracións para “afondar na concienciación social sobre o noso litoral, para que este continúe a ser un referente de calidade tanto para os propios galegos como para os de fora”.

Xunto con Boiro, na comarca do Barbanza os concellos da Pobra do Caramiñal (2), Ribeira (3) e Porto do Son (3) obtiveron Bandeira Azul nalgún dos seus areais. “Estas bandeiras son un aliciente de grande importancia para xeneralizar a responsabilidade ambiental da sociedade e como polo de atracción de visitantes, contribuíndo á xeración de riqueza a través do turismo, sobre todo, nun momento de crise económica como o actual”, explicou Do Campo.

Centro Azul

Por outra banda, o centro social de Boiro foi un dos 14 que lograron a consideración de Centro Azul en Galicia, por recoller entre os seus obxectivos actividades de educación ambiental sobre os ecosistemas, o desenvolvemento sostible e outras actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.

3 de xullo de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.