Baltar valorapositivamente o anuncio de Gallardón de manter os partidos xudiciais
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, valorou hoxe “moi positivamente” o anuncio do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, de manter os partidos xudiciais, ao admitir o seu departamento que rectificará e introducirá cambios no anteproxecto da nova Lei Orgánica do Poder Xudicial que prevía eliminar partidos xudiciais e concentralos nas capitais de provincia. Gallardón sinala que se admitirá máis dun tribunal de instancia provincial, ademais de manter todos os partidos.
Manuel Baltar considera que a Deputación de Ourense defendeu sempre “con firmeza e determinación” esta medida, primeiro por medio dun acordo plenario e hai uns días cun documento que asinaron o presidente provincial e os alcaldes de concellos con sede xudicial na provincia de Ourense en defensa do mantemento dos partidos xudiciais.
Precisamente, esta xuntanza cos alcaldes tivo lugar o pasado 23 de xullo, na cal o presidente provincia convocou aos rexedores de concellos con sede xudicial na provincia de Ourense para manter con eles unha reunión en relación co proxecto de reforma dos partidos xudiciais. Baltar e os representantes dos municipios de Bande, O Barco de Valdeorras, Celanova, O Carballiño, Pobra de Trives, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia, asinaron un documento no que pedían ao ministerio “a paralización do anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial e o mantemento presente e futuro dos actuais partidos xudiciais na provincia de Ourense”. Asemade, Manuel Baltar e os alcaldes acordaron dar traslado desta declaración conxunta ao Ministro de Xustiza, ao presidente da Xunta de Galicia e a todos os concellos da provincia de Ourense.
Ante diso, o Pleno da Deputación de Ourense xa se pronunciara en contra da desaparición dos actuais partidos xudiciais na provincia, na sesión plenaria celebrada o pasado 30 de abril, e tamén existen acordos plenarios das corporacións locais no mesmo senso.
A declaración conxunta asinada o pasado día 23 recollía que a provincia de Ourense conta cunha configuración poboacional que, xunto coa dispersión territorial, a distingue doutras provincias do Estado. “A crise demográfica –sinalaba o documento- e o envellecemento da poboación son características básicas da nosa realidade, circunstancias que esixen políticas de equilibrio territorial que en ningún caso supoñan diminución de calidade nin de servizos públicos”.
Tamén destacaba o documento que as sedes dos partidos xudiciais na provincia de Ourense “axudan a vertebrar as zonas onde os órganos xurisdicionais desenvolven a súa actividade e constitúen un polo de actividade e dinamización económica compatible coa necesaria proximidade da Administración de Xustiza aos cidadáns”.
O presidente da Deputación e os alcaldes asinantes coincidían en que a supresión dos partidos xudiciais “suporía o desmantelamento dun servizo público esencial no territorio provincial e perdas económicas evidentes, que atentarían contra a dignidade das comarcas afectadas e dos veciños e veciñas destas”, e remataban afirmando que a desaparición dos actuais partidos xudiciais “suporía tamén ir contra os investimentos que os gobernos teñen realizado nas ditas sedes, tanto en construción e reformas de inmobles, como na dotación de materiais e equipamentos tecnolóxicos”.











