Asínase a acta de replanteo do pavillón do Ceip Otero Pedrayo
As obras de construción do pavillón polideportivo do CEIP Otero Pedrayo da Laracha comezarán a executarse a próxima semana despois de realizarse o trámite da sinatura da acta de replanteo do proxecto por parte do alcalde, José Manuel López Varela, o director de obra, responsables técnicos da Deputación Provincial da Coruña e representantes da empresa contratista, que é Unika Proyectos y Obras, SAU, entidade que presentou a mellor oferta das vinte e unha que concorreron ao proceso de contratación. O acto desenvolveuse no interior das instalacións do propio centro de ensino e ao mesmo tamén asistiron membros da comunidade educativa.
Tal e como foi desde un primeiro momento o obxectivo do goberno local da Laracha, aproveitaranse as vacacións de verán no colexio para realizar a fase inicial dos traballos. O alcalde apremou aos representantes da empresa construtora para que a maior parte da instalación da estrutura –labores que requiren da presenza de maquinaria pesada- se realice antes do inicio do próximo curso escolar, previsto para o vindeiro día 10 de setembro.
A actuación consiste na cubrición, o cerramento e a construción das bancadas nas pistas polideportivas do interior do centro educativo. Contémplase, así mesmo, a creación de dous aseos (masculino e feminino), almacéns e un acceso que comunicará directamente a instalación deportiva co edificio de primaria do colexio. En total, a superficie que quedará pechada alcanzará os 1.400 metros cadrados.
A execución do proxecto foi adxudicada por 460.268,48 euros (IVE engadido), que serán cofinanciados entre o Concello da Laracha con fondos propios municipais e a Deputación da Coruña, que achegará a cantidade 300.000 euros segundo o convenio de colaboración asinado polo alcalde, José Manuel López Varela, e o presidente do ente provincial, Diego Calvo, no pasado mes de abril.
Con esta actuación, ademais de ofrecer unha instalación cuberta á comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo, posibilitará ao Concello da Laracha dispoñer dun quinto pavillón polideportivo de titularidade municipal que fóra do horario lectivo tamén será empregado para diferentes usos de interese xeral para a veciñanza.











