Aser Estévez repite triunfo no Campionato de Galicia de Contra-reloxo disputado no Rosal

Foto de familia dos gañadores da proba
O Campionato de Galicia de Contra-reloxo individual celebrado no Rosal pasará á historia por ser unha das maiores concentracións de participantes en competición do ciclismo galego e por ser, os ciclistas, os primeiros en utilizar o viario que une Goian coa Garda inaugurado na tarde do venres polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e tamén serán os últimos xa que a partir do último ciclista en chegar a meta será un viario pechado á circulación de bicicletas. Espectáculo ao grande con varios dos mellores especialistas nacionais da disciplina e catro horas e media de incerteza que deron once novos campións ao longo de toda a tarde.
Abriron o lume os Máster 60 e 50 con José García Varela (C.C. Betanzos) e Manuel Prieto (C.C. Riazor) que se alzaron con senllas vitorias e marcaron as primeiras referencias ao resto de categorías sobre un circuíto de 12.5 km. Sobre el tamén se expresaron as mulleres e os cadetes con María Jesús Barros (Elite – C.C. Spol), Paula Sanmartín ( Junior – C.C. Vigúes) e Irene Trabazo ( Cadetes – C.C. Marín), que se enfundaron as correspondentes camisolas de Campioas de Galicia. Os cadetes mostraron unha tremenda igualdade, os 7 primeiros entraron no mesmo minuto pero o mellor crono marcouno unha agradable sorpresa, Guillermo García Janeiro (C.C. Corbelo), que se impuxo con criterio e bo facer aos favoritos Rodríguez (F. Óscar Pereiro) e Amil (Ponteareas).
O percorrido dos Junior, Master 30 e Máster 40, de pouco menos de 18 km. era máis duro e esixente. Nel impuxéronse o junior Jon Ánder Tomei Vacas (C.C. Cambre), Miguel Varela (M-40 – C.C. De la Fuente) e Óscar Díaz (C.C.Ría de Vigo), que fixo o mellor tempo das tres categorías parando o crono en 25′ 59”.
As categorías Elite-Senior e Sub 23 fixeron a súa proba sobre o percorrido máis longo, 25.3 km. cunha nova exhibición de Aser Estévez (Froiz) que renova título e con 1’04” de vantaxe sobre Adolfo Vicente (C.C. Cambre). O recentemente proclamado Campión de España Óscar González (G.D. Froiz) tamén se fixo co de Campión de Galicia Sub 23 con 15 segundos sobre o local e compañeiro de equipo, Antonio Portela e 28 sobre David Seage (Caixa Rural).
A entrega de premios estivo presidida pola máxima autoridade do deporte galego, D. José Ramón Lete acompañado polo alcalde do Rosal D. Jesús María Fernández e o Presidente da FGC, Manuel Tallón.











