publicidade hoxe

As xuntanzas para elaborar os orzamentos participativos da Deputación continúan en Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugo
A-
A+

As xuntanzas cos veciños organizadas pola Deputación de Lugo en todos os partidos xudiciais da provincia para elaborar os orzamentos participativos do 2015 continúan mañá en Becerreá. A asemblea terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura e están convocados os 9.900 veciños maiores de 16 anos empadroados no concello becerrense e nos de Baralla, Cervantes, As Nogais, Pedrafita e Triacastela.

Os encontros veciñais rematan esta semana cos de Mondoñedo, que terá lugar o mércores, ás 19:30 horas na Casa da Xuventude, e Lugo, que se celebrará o xoves, á mesma hora, no salón de actos da Deputación.

As xuntanzas desenvólvense do seguinte xeito:

– Dase conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda); e faise un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.

– Ábrese un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e suxerencias. Entréganse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base ás seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.

– Finalmente, os veciños cubren ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación.

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outra vía a través da Internet. Deste xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com independentemente de se se teñen celebrado ou non xuntanzas participativas no seu partido xudicial.

Os seguintes pasos

Ata o 10 de setembro, os veciños opinarán sobre as súas prioridades. En base ó que manifesten, unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.

28 de xullo de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.