As obras do túnel de Conxo comezarán no mes de outubro

Reunión de Agustín Hernández e o secretario de Estado e Infraestruras
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, mantivo na tarde de onte unha reunión no Pazo de Raxoi co secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá, á que tamén asistiron o director xeral de Estradas, Jorge Urrechu, e o xefe de Demarcación de Estradas en Galicia, Ángel González del Río. O alto cargo do Ministerio de Fomento repasou co rexedor municipal os proxectos inmediatos que o Estado levará a cabo en Santiago en materia de infraestruturas. Catalá confirmou a Hernández que o vindeiro mes de outubro comezarán as obras do túnel de Conxo, que actualmente xa están adxudicadas.
O novo paso inferior do periférico de Santiago será realidade nun prazo de 12 meses, logo dun investimento de mais de 7 millóns de euros. O proxecto, que aliviará o tráfico na actual glorieta de Conxo, suporá un avance moi importante na mobilidade desta zona da cidade que utilizan diariamente 35.000 vehículos.
Ampliación dos accesos ao polígono do Tambre
O secretario de Estado de Infraestruturas e número 2 do Ministerio de Fomento, Rafael Catalá, tamén abordou co alcalde de Santiago unha reivindicación histórica dos empresarios do Polígono do Tambre, como é a ampliación dos accesos a este parque empresarial.
Rafael Catalá asegurou que a intención do Ministerio é comezar este mesmo ano a tramitación do proxecto, que contempla a duplicación da calzada na ponte sobre a estrada N-550, co obxectivo de incrementar a súa capacidade e solucionar os atascos habituais neste punto.
Estación Intermodal
En relación coa Estación Intermodal, o alcalde trasladoulle ao secretario de Estado de Infraestruturas a necesidade de acometer o antes posible una planificación realista e con investimentos concretos para levar a cabo este proxecto tan necesario para Santiago.











