As obras do centro cívico no antigo Goberno Militar comezarán no último trimestre do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou, esta mañá, que o edificio do antigo Goberno Militar incorpórase ao patrimonio municipal. O rexedor, nunha visita que realizou ao inmoble, explicou que a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a cesión gratuíta do Ministerio de Facenda e Administración Pública ao Concello da Coruña do edificio, sito na rúa Veeduría número 2, e dáse así un paso máis para que albergue un centro cívico na Cidade Vella: “Ponse así fin a unha vella demanda dos veciños de fai máis de 20 anos”.

Tal e como explicou Carlos Negreira, o inmoble, de gran valor histórico e construído no século XVII, ten 3.800 metros cadrados e albergará: un centro cívico, de 700 metros cadrados; un local para a asociación de veciños da Cidade Vella e outras instalacións para diversos usos culturais. Neste sentido, o alcalde avanzou que a Concellaría de Cultura “xa está a traballar nun plan de actividades para o resto do espazo”. O proxecto de acondicionamento do centro cívico sairá a licitación no mes de agosto, co obxectivo de que empecen as obras no último trimestre de 2014, que contan cun orzamento de 540.000 euros –para este ano están orzados 300.000 euros-, e que se licite o equipamento no primeiro trimestre de 2015.

Ademais, o alcalde lembrou que esta cesión se suma a outras que se produciron ao longo deste mandato como a biblioteca do Consulado, os 60.000 metros cadrados na Maestranza para o equipamento cultural de CIDEA ou os 17.000 na Fábrica de Armas para o acondicionamento dun centro de lecer para os veciños de Palavea e Pedralonga.

Durante a visita, púidose comprobar in situ que o edificio está en boas condicións, que son necesarias unicamente unhas pequenas reformas e actuacións de mellora de accesibilidade, pero que, tal e como destacou o alcalde, “no substancial o edifico presenta un estado satisfactorio”.

Coa toma de coñecemento, en Xunta de Goberno Local, da cesión gratuíta do inmoble móstrase unha vez máis o compromiso firme deste executivo municipal para dotar dun equipamento social e cultural á Cidade Vella, saldando así unha débeda histórica.

28 de xullo de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.