publicidade hoxe

As obras de reforzo de firme na estrada OU-540 entre Ourense e a fronteira de Portugal comezarán en agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeLocal PortadaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará no vindeiro mes de agosto as obras de reforzo de firme na estrada Ourense- Fronteira de Portugal (OU-540), no treito entre os PQ 47+380 e 66+630. Así llo confirmou hoxe a conselleira Ethel Vázquez ao alcalde de Bande, José Antonio Armada, durante unha reunión.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar un contrato polo que se executará o reforzo de firme e mellora nesta estrada que une Ourense e a Fronteira de Portugal (OU-540), concretamente no treito que vai dende o PQ 47+380 ata o 66+630, un total de 19,2 km. Esta estrada discorre polos concellos de Bande, Muíños, Lobeira e Lobios.

Neste mesmo contrato están incluídas melloras noutras estradas da provincia como a que vai de Ribadavia a Cea (OU-504), Xinzo- Cortegada (OU-531) e Ribadavia- Límite de Provincia (OU-801). O importe de adxudicación destinado á optimización destas infraestruturas viarias é de 484.000 euros

Estas estradas están conformadas por mesturas bituminosas que na actualidade presentan un deterioro superficial considerable, polo que se farán accións localizadas de reparación, rehabilitación e reforzo do firme, complementadas con pequenas melloras na drenaxe, nos noiros, a sinalización, sistemas de contención e no balizamento. Con estas accións preténdese unha mellora das vías, incrementando a seguridade viaria dos usuarios das mesmas.

A Xunta de Galicia continúa a priorizar a conservación e mantemento do bo estado da rede viaria de titularidade autonómica mediante a realización de proxectos deste tipo, mellorando así a calidade de vida dos cidadáns, neste caso da provincia de Ourense.
 

9 de xullo de 2014 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.