As festas de San Froilán de 2013 foron as máis baratas dos últimos anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou hoxe a actuación do grupo “Les Tambours du Bronx” nas festas de San Froilán. Este grupo non puido ofrecer o concerto previsto no programa do ano pasado porque tiveron problemas para transportar o seu material escénico, que lles quedou retido en Sao Paulo logo de participar no festival Rock in Río.

Esta é a segunda actuación internacional que anuncia Carmen Basadre para o San Froilán 2014, no que tamén está previsto un concerto do famoso grupo cubano Buenavista Social Club.

A Concelleira de Cultura destacou tamén que nas festas deste ano haberá moitas actividades na rúa, o San Froilán chegará ata o barrio da Ponte e o San Froilán miudo volverase celebrar no aparcamento do Seminario.

Carmen Basadre fixo estes anuncios nunha rolda de prensa posterior a xuntanza que celebrou hoxe a Comisión de festas, na que se informou do nomeamento como Comisario do Feiral de José Manuel Río Espiño, deuse conta da tramitación administrativa para a contratación da iluminación das festas e das infraestruras e casetas do feiral.

Festas máis baratas

Na Comisión de festas tamén se facilitou información sobre o balance económico do San Froilán 2013, que, segundo destacou Carmen Basadre, “foron as festas máis baratas alomenos dos catro últimos anos”.

O balance das contas presentado pola Área de Cultura e corroborado polo Servizo de Intervención supón que as festas de San Froilán 2013 tiveron uns gastos totales de 652.137,80 euros e a recadación total foi de 560.223,82 euros.

Estes datos supoñen que o gasto final estivo moi axustado ó presupostado, que era de 635.000 euros. Ademais, a aportación que finalmente tiveron que facer os lucenses á celebración das festas, unha vez descontados os ingresos obtidos, foi de só 91.913,98 euros.

A Concelleira de Cultura lembrou que o gasto nas festas de San Froilán foi de 890.000 euros no ano 2010, de 843.290 no ano 2011 e de 683.440 no ano 2012.

Subvencións de Cultura e Xuventude

Carmen Basadre tamén anunciou hoxe a convocatoria das subvencións a asociacións que concede o Concello nas áreas de Cultura e de Xuventude.

No caso das asociacións culturais, o importe total desta liña de axudas do Concello é de 24.500 euros e a convocatoria xa está aberta. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o día 18 de agosto.

As axudas de Xuventude, que teñen un importe de 10.000 euros, poderanse solicitar, previsiblemente, a partir do 1 de agosto e durante o prazo dun mes, xa que está pendente a publicación da convocatoria no BOP e o DOG.

En todos os casos, unha vez publicadas, as bases pódense consultar tanto nos boletíns oficiais como na web municipal, www.lugo.es, como no taboleiro de anuncios do Concello.

 

23 de xullo de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.