Aroa Freije vai segunda no Campionato Europeo Cadete de Péntatlon Moderno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

A galega Aroa Freije está a cumprir os prognósticos loitando polas primeiras posicións no Campionato de Europa Cadete de Péntatlon Moderno, que se está a disputar en San Boi de Llobregat. Hoxe celebrouse a proba de natación e Aroa ocupa actualmente a segunda posición na xeral. Pola súa banda, Martín Freije (infantil de primeiro ano) fixo unha boa natación (nas súas marcas) aínda que ocupa a última posición. Mañá disputarase a combinada. Dos galegos, Aroa foi a primeira en competir e fixo unha moi boa marca (2:10:44) que a colocou na segunda posición da xeral.

O certo é que coa excepción da primeira clasificada, a británica Hannah Featherstone que fixo un tempo excepcional (2:03:07), as deportistas que loitarán polo podio están moi apertadas. Todo se decidirá mañá na combinada (carreira e tiro). A continuación participaron os rapaces coa presenza do galego Martín Freije. Martín é infantil de primeiro ano polo que a diferenza cos seus rivais é moi importante. Hai algúns nenos que son case catro anos maiores e iso vese reflectido tanto na altura coma nas marcas. O galego cumpriu na natación (nadou nas súas marcas), pero quedou na última posición. A pesar diso, está moi animado e con gañas de remontar mañá na combinada. El sabe que este Europeo é unha oportunidade para coller experiencia e así afronta o reto.

31 de xullo de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.