Apertura do prazo de inscrición para a viaxe a Andalucía para os maiores de Mos
A concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza unha excursión a Andalucía para a terceira idade que se celebrará do 29 de setembro ó 4 de outubro do 2014.
Sobre esta iniciativa a concelleira mosense responsable da mesma declarou que “dende a concellería de Participación Cidadá, este ano 2014 tentamos seguir cumprindo coas necesidades que nos chegan ao noso departamento dun dos colectivos con maior amplitude veciñal, o colectivo da terceira idade. Para elo contamos co programa Tempo de Excursións que se realiza neste departamento dende o ano 2009, data na que se creou, atende ás demandas dos nosos maiores. Ten como finalidade que os participantes con menos posibilidades de ocio, e que non contan con iniciativa propia ou posibilidade de organización e disposición, facilitarlles con este servizo a que viaxen con xente do seu entorno. Ademais de darlle a posibilidade de coñecer outros municipios”.
Monzón sinalou tamén que “un aspecto fundamental, e que motiva a seguir organizando cada vez máis este tipo de actividades, é o fortalecemento dos lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe”.
Deste xeito a concellería de Participación Cidadá pretende ofertar ós maiores mosenses a posibilidade de coñecer outros lugares fóra da comunidade galega, con gran riqueza e encanto cultural e paisaxístico. E, neste caso, terán a ocasión de coñecer Andalucía.
Os obxectivos desta excursión son facilitar a posibilidade de viaxar ós habitantes do Concello de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas na comunidade, previr a soidade, impulsar e dinamizar as relacións sociais, facilitar espazos e recursos de ocio para os maiores, fomentar o coidado corporal e mental, promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización.
Poderán beneficiarse desta viaxe todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Non é preciso que os cónxuxes ou parellas de feito que estean inscritos no rexistro, cumpran os requisitos. No caso de existir vacantes poderán participar os maiores de 55 anos que non desenvolvan actividade laboral e as persoas non empadroadas en Mos. Os fillos/as discapacitados/as poden acompañar ós seus pais.
Para participar nesta actividade as persoas interesadas deberán apuntarse no Rexistro do Concello, facéndoo de maneira presencial para asinar a solicitude, sendo imprescindible o cumprimento dos requisitos. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o 1 de setembro. O listado de asistentes constituirase por rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. Unha vez entregada a documentación pertinente, farase a comprobación de que se cumpren os requisitos. O día 2 de setembro farase pública a lista de admitidos/as, para que os participantes poidan facer o ingreso da contía total (330 €), tendo de prazo ata o 4 de setembro. Ofrecerase a posibilidade de solicitar habitación individual e seguro de anulación pagando os seguintes suplementos: suplemento de habitación individual: 85,00 €; e seguro independente e persoal de anulación: 10 €.
Durante esta excursión visitarase Granada (Alhambra), Córdoba, Medina de Azahara e Sevilla.











