Apertura do prazo de inscrición nos cursos do programa Actívate en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza dous cursos a través do programa Actívate da Deputación de Pontevedra. As accións formativas son Linguaxe de signos e Reparacións domésticas de fontanería, albanelería e carpintería.

Poderán participar todos os mozos e mozas de 16 a 35 anos, ambos incluídos, residentes no Concello de mos, aínda que tamén poderán participar persoas doutros municipios no caso de quedaren prazas vacantes. Terán prioridade os desempregados empadroados no Concello de Mos e as inscricións faranse por rigorosa orde de entrada no Rexistro.

Esta actividade formativa realizase en colaboración coa Deputación de Pontevedra, sendo esta a encargada de subvencionar o 100% do custo da actividade. O Concello de Mos cede as instalacións do Centro de Desenvolvemento Local para a realización da formación.

Os obxectivos destes cursos son desenvolver actividades formativas e educativas no ámbito do lecer e tempo libre, que sexan de interese xuvenil e respondan ás demandas da xente nova da nosa provincia, realizar cursos de formación dirixidos a mellorar as competencias profesionais dos nosos xoves co obxectivo de posibilitar e incrementar as súas posibilidades do acceso ó mundo laboral; no caso concreto do de Linguaxe de Signos: ofertar a maior variedade formativa posible á mocidade, utilizar as convencións lingüísticas das persoas xordas: saúdos, despedidas e presentacións para eliminar as barreiras de comunicación, coñecer e valorar os aspectos máis relevantes da idiosincrasia das persoas xordas, coñecer e valorar a situación actual do colectivo de persoas xordas en diferentes ámbitos; e no caso do curso de Reparacións domésticas de fontanería, albanelería e carpintería: adquirir coñecementos de substitución de billas e arranxo de avarías, realizar traballos simples de albanelería enfocados a pequenas reparacións, capacitar ó alumno para substituír portas, ventás, cristais, así coma os traballos de mantemento en carpintería, e coñecementos básicos sobre a electricidade e instalacións eléctricas.

Ambos cursos serán de 40 horas de duración e o prazo de solicitudes será dende mañá martes 15 de xullo ata o 10 de setembro (ambos inclusive). O procedemento consiste en cubrir o modelo oficial de inscrición que se poderá descargar da páxina web da Deputación ou recollela directamente no Rexistro do Concello, no Multiusos ou no CDL. A incrición debidamente cumprimentada deberá presentarse no Rexistro do Concello. O número mínimo de persoas para levar a cabo un curso será de 15 alumnos/as e un máximo de 25; de non ser así o curso quedaría anulado. Os cursos celebraranse a partir do 1 de outubro do 2014 e antes do 1 de abril do 2015.

 

14 de xullo de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.