Apertura da XXVII convocatoria dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que xa está aberta a XXVII convocatoria dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación. Convocado desde 1988 polo Concello da Coruña, a través dos Museos Científicos Coruñeses, este certame ten xa unha longa e consolidada traxectoria dedicada á promoción da divulgación científica, premiando os mellores traballos de profesionais do ensino, o xornalismo, a investigación e tantos outros campos relacionados coa ciencia.
Concederanse os Prismas de Bronce aos mellores traballos no oito categorías que xa se convocaron na pasada edición: vídeo, sitios web e redes sociais, libros editados, textos inéditos, artigos xornalísticos, radio e artes escénicas, ademais do Prisma Especial do Xurado que se outorga a persoas ou institucións que se significaron pola súa contribución singular á divulgación científica. Nesta ocasión, con todo, introduciuse unha novidade, e é que o texto inédito que resulte premiado será editado e publicado como libro electrónico.
O prazo de presentación de traballos e candidaturas finaliza o 20 de setembro de 2014. Os traballos presentados versarán sobre calquera tema en relación coas ciencias físicas e naturais, tanto nos seus aspectos xerais como en calquera das súas ramas ou aplicacións prácticas (incluíndo biografías de científicos e historia da ciencia), que contribúan á mellor comprensión das ideas, actitudes e procesos científicos.
Os Prismas entregaranse no transcurso dun acto que terá lugar na Coruña o sábado 15 de novembro de 2014.











