Aos xornalistas santiagueses tamén lles pide Rio Natura Monbus o seu corazón
A campaña de abonados do Rio Natura Monbus continúa tras o fin do 5% de desconto por renovación rápida. Agora é a quenda dos abonados do pasado ano que aínda non renoven o seu asento de cara á nova tempada, o cal teñen reservado para eles até o 15 de xullo. Nesa data, as prazas que non sexan renovadas quedarán libres para a venda ao resto de afeccionados.
Quen a pesar de ter un asento fixo en todos os partidos na tribuna de prensa non quixo perder a oportunidade de gardarse outro entre a afección foi o redactor de La Voz de Galicia, Manolo Reigosa, quen asegura que goza máis cando pode asistir aos partidos como afeccionado: “Encántame o detalle de ver dúas e mesmo tres xeracións compartindo bancada e cores”, recoñeceu. “Como profesionais, os medios estamos obrigados a facer un seguimento informativo de todo o que poida ser de interese para a audiencia. En mans do club está o labor de captar abonados, fidelizando a súa masa social e gañando adeptos para a causa”, afirmou en relación á campaña que o club está a levar a cabo.
Tamén renovou o seu abono un ano máis Silvia Castiñeiras, presentadora de Correo TV e fiel ao baloncesto santiagués desde pequena: “Aboneime cos meus irmáns e uns amigos a tempada da volta a Liga Endesa, aínda que tamén fun socia doutros equipos da cidade como o Rosalía. O que máis me gusta do equipo é o tirón que ten e a relación tan próxima entre deportistas e corpo técnico e afeccionados”, dixo. Da próxima tempada, a xornalista espera “todo e nada, xa que considero que a permanencia segue sendo o obxectivo racional un ano máis, pero ao mesmo tempo espero que o equipo nos siga sorprendendo como fai sempre”.











