Antes de rematar o ano licitarase a segunda fase da ampliación do Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes, en Lugo, onde anunciou que o seu departamento ten previsto licitar antes de que remate o ano a segunda fase da ampliación do centro. Ademais explicou que está previsto adxudicar na primeira quincena do mes de agosto a primeira das catro fases nas que se desenvolverá a obra, na que se desprazará a cuberta da pista polideportiva exterior e se realizará a ampliación do edificio xa existente co inicio da construción dun novo volume que avanza sobre a fachada principal.

Xesús Vázquez salientou a importancia do investimento que se vai realizar neste centro – máis de 5,8 millóns de euros, “especialmente no actual contexto económico, o que demostra que a Xunta de Galicia confía na FP como nunha ensinanza de calidade quen de formar profesionais da máxima cualificación”.

O conselleiro quixo resaltar o esforzo económico do seu departamento na construción e mellora de infraestruturas educativas. “Cómpre salientar – dixo- que neste momento a Consellería ten en execución e licitación máis de 25,6 millóns de euros en obras en centros educativos, nos que se enmarca esta ampliación das Mercedes; e que no período 09/13 se investiron case 50 millóns de euros. Ademais, sinalou o compromiso do seu departamento coa provincia lucense, que se fixo patente nos últimos meses tanto a través do inicio desta ampliación como do compromiso adquirido para a construción do novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET). En total ambas as dúas obras supoñen un investimento de máis de 9 millóns de euros.

Durante a súa visita ao centro o conselleiro estivo acompañado polo director do CIFP, Joaquín Expósito; polo alcalde de Lugo, José López Orozco; pola delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, entre outras autoridades.

Ampliación en catro fases

Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia na segunda fase demoleranse os talleres existentes e construirase neste espazo a parte restante do novo volume de planta baixa destinada aos mesmos, así como a conexión en planta baixa co edificio existente a través dunha pasarela. Nas dúas últimas fases construiranse as ampliacións da zona de aulas, servizos, biblioteca e todas as conexións; e reformarase o edificio existente.

O conselleiro lembrou, así mesmo que, tras as obras, máis do 50% da superficie total do centro – que se incrementará nun 23%- será totalmente nova, uns 5.000 metros cadrados, mentres que os outros 3.500 metros cadrados estarán completamente reformados.

O investimento neste centro únese ao xa realizado nos últimos anos, de 144.000 euros, ao abeiro do que se realizaron diversas melloras e reparacións nas súas instalacións, como o caso da instalación eléctrica, as cubertas, acondicionamento de espazos, ou a habilitación dun novo edificio para talleres, entre outras.

Mellor organización do centro

O obxectivo da ampliación é adaptar o CIFP para acoller 4 familias de formación profesional, a medida que a Consellería vai incrementando a oferta de ciclos nas Mercedes tras a súa conversión en centro integrado. Así, o 53% do espazo total do CIFP dedicarase a espazos para a impartición de clases –talleres e aulas– nas familias profesionais que acolle o centro: Transporte e mantemento de vehículos, Instalacións e mantemento, Enerxía e auga e Comercio e márketing. Ademais a reforma suporá a incorporación ao centro de dous novos espazos: a aula multimedia e o viveiro de empresas, de tal forma que a cidade de Lugo conte co seu segundo viveiro de empresa, xunto co do CIFP Politécnico, un espazo que os titulados das ensinanzas postobrigatorias poden utilizar de forma gratuíta durante dous anos para desenvolver os seus proxectos de empresa, recibindo ademais asesoramento.

A distribución do novo CIFP busca organizar o centro agrupando ao máximo posible as aulas e talleres destinados a unha mesma familia profesional e ao mesmo tempo buscando unha relación directa e ordenada entre todas elas. Exteriormente proponse un edificio austero pero representativo, realizado con materiais de alta durabilidade e fácil mantemento.

31 de xullo de 2014 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.