Amplo abano de talleres para tódalas idades no II obradoiro “Música e Baile” de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Ata o día 14 de agosto está aberto o prazo de inscrición para participar no II Obradoiro de Verán “Música e Baile”. A inscrición deberá realizarse nas oficinas da alcaldía do Concello.

O obradoiro desenvolverase entre os días 18 e 29 de agosto nas instalacións do Conservatorio Municipal de Música “Mestre Ibañez”, situadas no Edificio Multiusos da cidade, de luns a venres e en horario de 10:00 a 13:00 horas, agás Baile de Salón que será de 13:00 a 14:00 horas.

No obradoiro levaranse a cabo distintos talleres de música e baile para tódolos públicos. Cada alumno/a poderá inscribirse nun máximo de catro modalidades, por un prezo de 25 €.

En tódalas actividades impartirase tres niveis de formación: iniciación, reforzo e avanzado.    

Estas son as diferentes especialidades e talleres que oferta o obradoiro:                                                                

MÚSICA E BAILE

– Taller de Música e Movemento – Hip Hop (dirixido a nenos entre 5 e 9 anos)

MÚSICA

– Taller de Improvisación e Creación Musical Moderna (dirixido a tódolos instrumentos)

– Taller de Percusión Moderna – Batería

– Taller de Gaita e Percusión Galega

– Taller de Guitarra

– Taller de Piano

– Taller de Violín

– Taller de Vento Madeira – Clarinete, Saxofón e Frauta

– Taller de Vento Metal – Trompeta, Trombón, Trompa e Tuba

BAILE

– Taller de Ballet Clásico (a partir de 6 anos)

– Taller de Danza Moderna (a partir de 9 anos)

– Taller de Danza Tradicional Galega (tódalas idades)

Taller de Baile de Salón (adultos)

A celebración deste obradoiro responde ó interese do Concello por ofrecer actividades de carácter musical durante a tempada de verán. Trátase dunha oferta máis, para tódolos públicos, e á marxe doutras de carácter lúdico e deportivo que tamén organiza o Concello.

O obradoiro levarase a cabo con profesorado do Conservatorio Municipal e das Escolas de Música e Danza, así como outros profesores alleos a estes centros, e diríxese a todo tipo de público de Monforte e da comarca.

A actividade, organizada pola concellería de Cultura, realízase grazas á colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo.

3 de xullo de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.