Allariz inicia as actividades do programa de verán
O Concello de Allariz organiza sendas actividades enmarcadas na programación de verán 2014 na busca de tres obxectivos: incidir na dinamización cultural, reforzar a capacidade de atracción turística de Allariz, ademais, da dinamización económica do municipio.
A programación de verán é multidisciplinar e inclúe actividades culturais e deportivas dende xullo a setembro.
No apartado cultural, destaca a parte etnográfica, as festas que recordan os traballos doutrora no ciclo do pan ou o Encontro de Cestería, que xunto coas Festas do San Bieito ou a Empanada ou a Festa da Patria Galega “contribúen a facer país e homenaxear á cultura galega” afirmaba Teresa Devesa, concelleira de Cultura.
As actividades deportivas que terán lugar durante a época estival céntrase no Triatlón Vila de Allariz, no que participan triatletas recoñecidos no eido deportivo; ou a regata de Piragüismo e a I Marcha BTT de Allariz.
As Feiras do Doce, Melindre e Amendoado ou a de Artesanía, pechan o programa de verán, promocionando a repostería e artesanía de Allariz así como doutras localidades galegas ou do resto do Estado.











