Alberto Salcedo achégase ás súas marcas do ano pasado
O atleta da Sociedade Ximnástica, Alberto Salcedo, pechou o ano pasado cunhas magníficas marcas, en 100 metros, 10.54 e en 200 metros, 21.00; que son os actuais records da entidade pontevedresa.
Nun control de marcas celebrado na tarde-noite do mércores nas instalacións atléticas do CARD de Sierra Nevada en Granada, Alberto deu un golpe na mesa, correndo o hectómetro en 10.61 e os 200 metros en 21.22; moi preto das súas marcas persoais do ano pasado.
Demostrando que chega nun bo momento de forma aos Campionatos de España, o próximo fin de semana o de Federacións Autonómicas e en dúas semanas o absoluto.
Tamén en Sierra Nevada, correu Eduardo Gallardo os seus primeiros 400 metros por baixo dos 49 segundos, asinando en meta 48.94.
Nas pistas de Balaídos de Vigo, disputouse a última xornada das series municipais de atletismo, completándose un total de sete competicións, que empezaron no mes de xaneiro e que foron ben aproveitadas polos atletas da Sociedade Ximnástica.
Nesta ocasión conseguíronse seis postos de podio, Lucía Cardesín foi a única gañadora de proba, impóndose nos 600 metros cadete; Jorge Puig, nos 400 metros, Fernando Rial, nos 600 metros cadete e Sandra Carballo na lonxitude, alcanzaron o segundo posto; mentres que Fran Igrexas nos 400 metros e Elvira Okutu no salto de lonxitude, pecharon os postos de honra para a Ximnástica, con senllos terceiros postos.











