Agustín Hernández comeza a toma de contacto cos asuntos de Santiago
O exconselleiro Agustín Hernández “toma contacto” cos asuntos de Santiago de Compostela no Pazo de Raxoi á espera de que a Xunta Electoral Central se pronuncie sobre as alegacións de PSOE e BNG contra o seu novo equipo, coa confianza de que serán desestimadas e o desexo de que a cidade retome “a normalidade” canto antes.
Hernández acudiu este martes á Casa do Concello, onde atendeu aos medios de comunicación que se atopaban no Pazo de Raxoi esperando outro acto para explicar que está a coñecer os asuntos de Santiago. “Estou a tomar contacto co Concello con normalidade, como non podía ser doutro modo”, remarcou.
O futuro alcalde, en quen a dirección do PPdeG, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, confiou como relevo para Ángel Currás tras a grave crise política que se viviu en Raxoi, sinalou que espera que a XEC se pronuncie sobre as alegacións da oposición, algo que, augurou, sucederá “probablemente mañá”.
Mentres, manifestou o seu desexo de que o Concello “volva á normalidade” e agradeceu o traballo que están a facer os membros da candidatura do PP “que contan coa acta”.
Fronte a iso, lamentou a actitude de socialistas e nacionalistas. Non en van, reprobou que os que fai “unha ou dúas semanas pedían a volta á normalidade” agora demostren que “non teñen ningún interese” pola cidade nin polos veciños”. “O único que lles importa son os seus intereses partidistas”, apostilou.
COÑECER OS TEMAS E “AXUDAR” EN CUESTIÓNS
Hernández remarcou que “o único” que pide a socialistas e nacionalistas é que deixen “volver á normalidade” á Casa do Concello, ao tempo que, preguntado sobre se quedará sen descanso estival, replicou que “Santiago é o mellor sitio” para estar de vacacións”.
“O que farei será traballar pola cidade, que é o que toca aquí,”, sentenciou o futuro alcalde, quen cinguiu a súa presenza en Raxoi a contactos para “coñecer os temas” e “axudar nalgunha cuestión”.
Por último, rexeitou avanzar a repartición de áreas do seu goberno, que podería concretar a semana próxima se finalmente pode tomar posesión como alcalde. “Nada máis que dicir”, despachou os xornalistas.
A PRIMEIRA REUNIÓN, O 23
Hai pouco máis dunha semana, o 23 de xuño, Agustín Hernández mantivo a súa primeira reunión co equipo completo co que dirixirá Santiago, á que asistiu o aínda rexedor, Ángel Currás, e na que aproveitou para pedir aos que serán os seus compañeiros de goberno “traballo, seriedade e máximo compromiso” coa cidade e cos veciños.
Hernández tivo que cubrir nove vacantes tras inhabilitar a Xustiza aos sete edís que aprobaron en xunta de goberno autorizar o pagamento da defensa do concelleiro, Adrián Varela, que dimitiron por imperativo legal; a do propio Varela que tamén renunciara con anterioridade; e a de Rebeca Domínguez.
Aínda que Currás renunciou á Alcaldía premido polo PPdeG e no partido se dá por feito que se irá con prontitude, cando empece a traballar o novo equipo de Hernández, de momento o propio rexedor non ratificou en que momento dará o paso, polo que segue en Raxoi, ao igual que Reyes Leis, Luis Meijide e José Manuel Rosende.
Agora, ademais, está prevista a incorporación da actual senadora e histórica do PP de Santiago, María Jesús Sainz; a xerente do Consorcio de Santiago, María Ángeles Antón; o licenciado en Dereito e actual secretario municipal do Concello de Boiro, Manuel Martínez Varela; así como o subdirector da Xunta Ramón Quiroga, marido dunha das edís salientes, Cecilia Sierra.
Hernández tamén se rodeará no seu equipo de membros da Consellería na que o relevou Ethel Vázquez, como é o caso da enxeñeira de Camiños e actual directora do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Teresa Gutiérrez; ou a licenciada en Dereito e asesora xurídica do seu departamento, María José Corral. Ademais, incorporarase Alejandro Sánchez-Brunete Varela, quen foi asesor da Consellería de Presidencia e da propia Casa do concello compostelano.
DÚBIDAS DA OPOSICIÓN
Da lista que encabezou en 2011 Gerardo Conde Roa, o primeiro dos tres alcaldes que sumará Santiago en tres anos e que se viu obrigado a dimitir tras coñecerse a súa implicación nunha fraude fiscal, só entran o que será rexedor, que ocupou o último posto, e a deputada Marta González, que lle antecedía número 24 da candidatura.
Esta cuestión suscitou dúbidas en socialistas e nacionalistas, que alegaron á resolución da JEC que lles habilita as credenciais e anunciaron que, se os seus escritos son desestimados, buscarán un pronunciamento do Tribunal Constitucional.











