publicidade hoxe

Adxudícanse as obras de mellora nas estacións de autobuses do Barco de Valdeorras e Xinzo de Limia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Barco de ValdeorrasOurenseXinzo de Limia
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar por 26.402 euros as obras de mellora da accesibilidade, das instalacións e sistemas de información en varias estacións de autobuses da provincia de Ourense: O Barco de Valdeorras e Xinzo de Limia. As obras comezarán na segunda quincena deste mes e durarán dous meses aproximadamente.

Esta actuación está enmarcada no Plan Renove de estacións de autobuses para 2013- 2016, que consta dun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros

Entre as accións máis inmediatas cabe destacar a mellora na calidade das instalacións, realizando os arranxos ou optimizacións precisas en cubertas e paramentos, patios de manobra, escaleiras mecánicas ou ascensores, segundo as necesidades que precise cada estación. No Plan tamén se contemplan outras accións que melloren estas infraestruturas de transporte como pintado de estruturas e paredes ou substitución de asentos.

No caso da estación de Xinzo de Limia o Plan potenciará os accesos para aquelas persoas con mobilidade reducida, a través do pintado de prazas de aparcamento no exterior da estación e a colocación da correspondente sinal informativa. Ademais melloraranse os pasos de peóns remarcando o seu trazado e poñendo dúas sinais.

Outros traballos localizaranse nas instalacións, onde se substituirán as luminarias de emerxencia que están en mal estado e se subsanarán as humidades mediante a limpeza, reparación e selado de canalóns; a substitución das baixantes deterioradas e a limpeza e reparación de cuberta. Finalmente procederase á restauración dos paramentos e teitos afectados.

No caso da estación do Barco de Valdeorras o Plan Renove centrará os traballos nas instalacións e nos sistemas de información. Repararanse as baixantes e acometidas á rede de pluviais, as humidades existentes nos paramentos mediante lixado, pasteado e pintado das zonas afectadas e se limpará a rede de saneamento da dársena e do edificio. Ademais executarase a reparación do rótulo electrónico informativo na zona da dársena e colocarase un monitor informativo na zona da dársena.

Plan Renove

O obxecto do plan é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os pasaxeiros ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios e supresión de barreiras arquitectónicas. Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas nos anos 70,80 e 90 e por tanto non están adaptadas para as novas esixencias normativas de accesibilidade (tanto dos modos de transporte como dos usuarios), detéctase unha clara necesidade de adaptación de elementos para facer posible este obxectivo.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

11 de xullo de 2014 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.