Adxudicadas as obras de mellora dos accesos á área termal de Laias
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar ás obras de mellora da estrada local de acceso á área termal de Laias, no concello ourensán de Cenlle. A Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou este contrato por 158.996 euros. A continuación, procederase á firma do contrato e, posteriormente, ao inicio de obra.
Esta obra execútase en base a un convenio de colaboración asinado entre a Consellería e o Concello de Cenlle o pasado mes de abril, polo que a administración autonómica se comprometeu a aporta ata 150.000 euros (o que supón un 80% do orzamento polo que se licitaron as obras), e o Concello Cenlle aportará ata 37.800 euros (o 20% restante).
Os traballos, que están previstos inicialos a finais de verán unha vez que se firme o contrato, consistirán na rehabilitación do firme, na mellora dos sistemas de drenaxe para a evacuación das augas pluviais da calzada e na reordenación da sección da estrada para a mellora da seguridade viaria diferenciando os tráficos rodado e peonil.
Compre sinalar que o reducido ancho do espazo dispoñible foi determinante no deseño da obra que se executará. Optouse por unha calzada de 4 metros na que se permitirán os dous sentidos de circulación e a execución de sendas peonil de anchos variables. Ao remate da actuación, o Concello de Cenlle será o responsable da conservación e mantemento, tal e como se recolle no convenio asinado.
Dende a Consellería de Medio Ambiente destacase a importancia destas obras que melloran a calidade de vida dos preto de 1.500 veciños de Cenlle e de todos os usuarios do balneario, moi próximo á capital ourensá.