Adxudicadas as obras de mellora da estrada os Valos-Guizán por un importe duns 858.000 euros
A Xunta de Goberno da Deputación acordou esta mañá adxudicar en 858.557,30 euros as obras de ensanche da estrada provincial Os Valos-Guizán.
En total foron 16 as empresas que presentaron ofertas para a execución destas obras, sendo a de COVSA a oferta máis vantaxosa e á que se lle adxudicaron os traballos.
Trátase dunha actuación que afectará a un treito de un quilómetro e medio, nunha zona practicamente urbana (entre os puntos quilométricos 1+140 e 2+260).
O obxectivo das obras e mellorar a seguridade viaria na zona, dado que na actualidade carece de beirarrúas e a estrada é demasiado estreita nalgunhas zonas, polo que supón un perigo para os peóns que camiñan pola beiravía.
Detalle das obras
Trátase de anchear a plataforma ata un mínimo de 9,60 metros, dotando ao vial de beirarrúas en ambas marxes.
Para iso será preciso retranquear os muros de peche das fincas estremeiras ata unha distancia de 4,80 metros desde o centro da calzada actual. Os muros que se repoñan serán de perpiaño, para dotar de uniformidade a estrada e o seu contorno.
Así mesmo, os traballos incluirán a dotación de servizos de recollida de augas pluviais, canalización do saneamento e do abastecemento de auga, así como doutros servizos como os de telecomunicacións ou subministro eléctrico.
Executarase unha rede completa de recollida de augas pluviais, mediante colectores de PVC cos seus pozos de rexistro e sumidoiros, colocará unha nova canalización do abastecemento de auga mediante tubo de polietileno.
En canto á mellora do alumeado público, o proxecto inclúe o soterramento da liña e a colocación de puntos de luz.
Tamén se soterrará a rede eléctrica, que actualmente é aérea e instalarase unha canalización para redes de telecomunicacións que na actualidade non existen, pero co obxectivo de que, no seu momento, as compañías poidan prestar este servizo con liñas soterradas.
A urbanización da estrada completarase coa dotación de beirarrúas e pavimentación da calzada. Finalmente, executarase a sinalización horizontal e vertical.











