Acto de izado da Bandeira Azul do Real Club Náutico da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o presidente do Real Club Náutico da Coruña, Germán Suárez-Pumariega Lores, acompañados da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, interviron hoxe no acto de izado da Bandeira Azul do Real Club Náutico da Coruña.

Galicia conta con 19 portos con este distintivo, entre os que se atopa o Real Club Náutico da Coruña. Na mesma provincia, o Club Náutico Deportivo de Ribeira; o Club Náutico de Boiro, o Real Club Náutico de Portosín, o Club Náutico de Camariñas, a Marina Coruña, O Club Náutico de Sada, a Marina Sada, o Club Náutico de Ares e o Club Náutico de Santa Marta de Ortigueira recibiron en 2014 este distintivo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro incidiu en que os distintivos de Bandeira Azul, nos que Galicia é a comunidade líder en canto ao número de praias galardoadas con 123 areais, nos sitúa á vangarda da calidade turística e do respecto medioambiental”.

Segundo dixo, “a sostibilidade dun destino turístico é un traballo no que deben colaborar os axentes públicos e privados porque só a través do respecto polo medio ambiente e a través do desenvolvemento sostible poderemos conservar os recursos que nos fan únicos como destino e que nos singularizan”.

E recalcou que o distintivo da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor é “a proba de que Galicia traballa por ser un referente en turismo sostible. Así se contempla no noso Plan Integral de Turismo de Galicia”. A directora de Turismo explicou que “entre os retos do noso destino figura o de establecerse como modelo Europeo de turismo sostible”. E matizou que o turismo en Galicia ten entre as súas principais fortalezas a de ter recursos endóxenos con valor diferencial. Isto implica, segundo dixo, que debemos traballar na protección, conservación e posta en valor dos nosos recursos sen que se perdan a súa esencia e os valores de sostibilidade ambiental e social.

A directora de Turismo explicou tamén que a terceira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo procura situar a Galicia como un destino ambiental, social e economicamente sostible. “Distintivos como a Bandeira Azul nos portos galegos evidencian ese traballo conxunto e poñen de manifesto o gran atractivo da costa galega, con 1.659 quilómetros, para a práctica dos deportes náuticos e da náutica en xeral”, comentou.

Nava Castro lembrou que Galicia lidera a nivel nacional o ranking de areais co distintivo de Bandeira Azul. Na propia cidade da Coruña, Riazor, Orzán.-Matadeiro; San Amaro e As Lapas contan con este distintivo. En toda a provincia, 46 areais diferenciase pola súa sostibilidade e respecto ambiental e son merecedores da Bandeira Azul da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).

Galicia lidera ademais o segmento dos Sendeiros Azuis, con 15 dos 46 existentes en todo o Estado. Conta cun destino Quality Coast e mais con 5 destinos SICTED. Ao tempo, a comunidade galega aglutina 10 portos deportivos distinguidos coa Bandeira Q de Calidade Turística dos 17 que hai en todo o Estado, liderando o número de distintivos deste segmento, co 58,82% das instalacións de España. Ademais, 8 praias galegas contan neste 2014 co distintivo que certifica a Calidade Turística.

Un 9% máis de pernoitas que en xuño do ano pasado

A directora de Turismo explicou que cada vez son máis os turistas que se achegan á comunidade galega na procura dun destino que ten opcións para calquera época do ano. Segundo dixo, a provincia da Coruña rexistrou en xuño, segundo a Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE un incremento do 9% na cifra de pernoitas rexistradas nos establecementos hoteleiros.

De igual modo, Galicia rexistrou en xuño un total de 356.798 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, isto é un 4,3% máis que en xuño de 2013. A cifra de pernoitas alcanzou as 658.666, un 6,1% máis que en xuño de 2013.

O nivel de viaxeiros aloxados en xuño deste ano tamén alcanza o máximo histórico nun ano non Santo. O incremento supra ao rexistrado no conxunto do Estado, tanto en viaxeiros, onde a suba foi do 3,3% como en pernoitas, que rexistrou unha suba do 2% no conxunto do Estado. O turismo nacional en Galicia sube en xuño un 8,5% e o internacional sobe un 6,4%.

Esta mellora do turismo internacional supón o máximo histórico de viaxeiros internacionais aloxados en xuño na comunidade con preto de 129 mil e con preto de 200 mil pernoitas. O peso do mercado internacional en termos de pernoctacións sitúase en xuño no 30%.

29 de xullo de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.