Actividades lúdicas, culturais e sociais na Festa das Cereixas de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendario
A-
A+

A localidade de Paiosaco concentrará ao longo de toda a fin de semana a oferta de actividades lúdicas, culturais e sociais no noso municipio. Ademais da Feira das Cereixas, que este ano estrea o distintivo de Festa de Interese Turístico outorgado pola Xunta de Galicia, haberá diversas propostas para o público en xeral tanto o sábado como o domingo organizadas pola Comisión de Festas coa colaboración do Concello da Laracha.

Na xornada do sábado abrirase o programa da Festa das Cereixas. O recinto feiral acollerá a verbena nocturna, que estará amenizada pola orquestra Trole. Ao remate da actuación contarase cunha discoteca móbil.

O domingo pola mañá a Feira das Cereixas volverá ser a celebración gastronómica máis importante de todas as que se realizan no termo municipal da Laracha ao longo de todo o ano. Agárdase a presenza de miles de compradores e centos de comerciantes, cuxos postos de venda tinguirán o campo da feira da típica cor vermella do froito. Finalmente entre os asistentes non estará a delegación procedente da mancomunidade do Valle del Jerte, que cancelaron a súa visita por compromisos de axenda de última hora.

Ao longo da xornada haberá diversos actos para amenizar a xornada. A Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL) organiza a terceira edición do concurso de postres de sobremesa con cereixas, dirixido a persoas non profesionais. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata mañá venres (4 de xullo). O domingo a partir das 10.00 será a presentación dos postres participantes e desde as 12.00 horas o xurado, formado por profesionais dos sectores da repostería e a hostalería, realizará a valoración. O desenvolvemento será baixo a carpa da Comisión de Festas.

A mediodía haberá sesión vermú amenizada polo Dúo Omega.

Pola tarde, desde as 20.00 horas, a Asociación Cultural Queiroga ofrecerá unha actuación de música e baile tradicionais galegos.

O fin de festa será coa verbena nocturna, na que se contará coa música da orquestra Trova e do Dúo Omega. No descanso, os presentes poderán disfrutar dun espectáculo pirotécnicos con fogos artificiais.

4 de xullo de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.