publicidade hoxe

Acebe e Abanca asinan un convenio de colaboración para unhas condicións máis vantaxosas dos asociados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración

Sinatura do convenio de colaboración

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos e ABANCA subscribiron un convenio de colaboración que permitirá ós preto de 200 establecementos integrados en ACEBE CCA acceder a diversos produtos de financiamento en condicións vantaxosas.

A presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido, e o director de zona de ABANCA en Narón, Eume e Betanzos, Ángel Martínez Moar, rubricaron este mediodía na sede de ACEBE CCA o acordo que establece unha alianza estratéxica entre ambas as dúas entidades co obxectivo de contribuír ó desenvolvemento do sector comercial de Betanzos, un dos piares estratéxicos que sustenta a economía da cidade e da comarca.

A través deste convenio os comerciantes asociados a ACEBE CCA poderán acceder a préstamos para o pago de impostos, seguros sociais ou anticipo de subvencións ademais de financiación a través de préstamos persoais, leasing mobiliario, préstamos hipotecarios ou pólizas de crédito e avais. O acordo tamén inclúe desconto comercial, con tarifas preferentes e personalizadas e tarifas especiais para medios de pago (TPV). Tamén promove o acceso á Conta Solucións Autónomos e Pymes e a Campaña Seguro Comercio, a través da que se mellora a prima do seguro comercio que o cliente estea pagando actualmente.

O acordo considera tamén vantaxes para os clientes dos establecementos asociados a ACEBE CCA que á súa vez sexan clientes de ABANCA xa que poderán financiar as súas compras a través do sistema Crediventa. Trátase dun préstamo telefónico a conceder no propio punto de venda a través do que a da entidade concede un crédito telefónico que permite o pagamento fraccionado daquelas operacións por importes entre 300 e 6.000 euros, en prazos de ata 24 meses e cunha taxa de desconto para o negocio. Todos os trámites poden realizarse no propio comercio, o que axiliza os prazos e contribúe a incentivar e a facilitar as vendas xa que non ten intereses nin comisións. Dentro do convenio tamén se promove o uso da Tarxeta Comercio que permite o aprazamento das compras no punto de venda ata en 12 meses sempre e cando o establemento estea adherido a este sistema de pago.

11 de xullo de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.