Abre ao público a Caseta de Turismo de Fene
Hoxe abre as súas portas a Caseta de Turismo de Fene, sita en Avenida Naturais onde desde hoxe e até o 31 de agosto atenderanse a peregrinos do Camiño Inglés e vistantes ao Concello de Fene e tamén servirá como un punto de información para os propios veciños do concello.
Informarase de todo tipo de actividades do Concello fenés e dos máis próximos. Así se dará cumprida conta de festas, actos culturais, deportivos e eventos de interese na comarca, en especial dos de Fene. Tamén se poderá alí recoller a Guía de Turismo do municipio cos principais atractivos da localidade así como dos de Cabanas e Pontedeume e a recentemente estreada Guía de Lecer de Fene con todo o interesante que organiza este municipio este ano. Lembremos que ambas as guías son de recente elaboración (2013 e 2014 respectivamente) e foron as primeiras dese estilo na historia do municipio.
Esta semana informarase con detalle do evento de homenaxe ás lavandeiras de Fene que terá lugar este sábado e en que se sairá ás 16 horas do peirao de Ferrol en dirección ao de Perlío onde unha trintena de lavandeiras e espérase que moitos veciños irán camiñando até Sillobre pola parte antiga de Fene. No percorrido haberá carros tirados por animais que portarán a roupa lembrando o que ocorría a finais do XIX e principios do XX. No atrio da igrexa de Santa Mariña de Sillobre haberá música en directo, talleres artesanais e diversas actividades e nun antigo lavadoiro contiguo as lavandeiras lavarán a roupa como outrora por quendas e logo deixarán a roupa a clarear en toxos. A continuación haberá cea aberta ao público por 5 euros e ás 22 horas unha representación preparada para a ocasión do grupo Ti e Mais Eu Teatro.
A parte marítima require inscrición previa pois hai prazas limitadas. Esta pódese realizar do mesmo xeito que pedir información a través da oficina de turismo, do edificio de promoción económica do concello (Belén-981-49.27.07) e tamén na AAVV de Sillobre e na asociación artística Mesturas. Anímase a que todo o que acuda ao evento tanto marítimo, como o percorrido a pé e a parte en Sillobre o fagan ataviados con roupa de hai un século.
Horario da caseta:
Mañás: De martes a domingo: 11 – 14 h
Tardes: De martes a sábados: 17 – 20 h.
Este ano respecto ao 2013 amplíase o horario (90 minutos máis diarios) e aténdese tamén os domingos pola mañá











