Abel Caballero asegura que o comité de rutas é un instrumento inservible por non abordar as axudas ilegais
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este mércores que o comité de cooperación aeroportuaria, coñecido como comité de rutas, “está a resultar un instrumento inservible”, xa que non aborda “o problema de fondo”, que é a concesión de “axudas ilegais” ás aerolíneas por parte dos aeroportos da Coruña e Santiago, “pagadas pola Xunta”.
En declaracións aos medios, o rexedor olívico sinalou que os encontros dese comité (o próximo en setembro) se converteron en reunións “rutineiras” para debater cuestións “técnicas”, cando “o problema é o financiamento de competencia desleal”. “O comité de rutas ten un interese moi menor porque non entra na cuestión de fondo”.
Caballero insistiu na súa proposta de que haxa “axudas cero” para todos os aeroportos galegos “e que funcione o mercado”, e puxo como exemplo, unha vez máis, o voo a París, subvencionado dende Santiago, e que opera Air France dende Peinador, sen axudas.
Segundo o rexedor, a compañía trasladoulle o seu “desgusto” por esa competencia, e instou a ministra de Fomento, Ana Pastor, a que “condene” as “axudas ilegais”.











