A Xunta e Fundación Amancio Ortega asinan a recepción da escola de Esteiro que ofertará 82 novas prazas en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e o director xeral da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, asinaron hoxe en Santiago o acta de entrega da nova escola infantil de Ferrol, que ofertará ao longo do novo curso escolar 2014/2015 un total de 82 novas prazas públicas de 0-3 anos. Con esta nova escola, a Xunta oferta para a cidade de Ferrol para este novo curso escolar un total de 258 prazas públicas da Rede A Galiña Azul, o que supón con respecto a abril de 2009 un incremento en prazas de máis do 91 por cento.

O novo servizo social conta con 6 unidades e está emprazado na rúa Ramón y Cajal no barrio do Esteiro. Ten unha superficie total construída de 820 metros cadrados, unha parcela, de titularidade municipal, que no seu día foi cedida polo Concello ao Consorcio para este fin. A construción e o equipamento da escola, que correu a cargo da Fundación Amancio Ortega, supuxo un investimento de 1,6 millóns de euros.

Con esta recepción continúa a execución do compromiso adquirido no seu día entre a Consellería de Traballo e Benestar e a FAO a través dun acordo que asinaron polo que a Fundación Amancio Ortega achegará máis de 11 millóns de euros para a creación de nove escolas infantís en: A Coruña, Arteixo, Cambre, Ferrol, Lugo, Melide, Ourense, Santiago e Vigo. Esta iniciativa poderá beneficiar a 750 familias de Galicia cada ano.

Rodríguez destacou que a creación de novas prazas de 0-3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas.

Así mesmo, afirmou que se enmarca na aposta da Xunta de Galicia por mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas, un obxectivo que na pasada lexislatura supuxo a creación de 3.000 prazas públicas na Rede autonómica de escolas infantís, que conta actualmente con 8.750 prazas.

Na provincia da Coruña, a oferta ascende actualmente a 3.395 prazas en 52 escolas infantís, o que supón un incremento do 88,4 por cento con respecto ás que había en abril de 2009. Na actualidade, as prazas sostidas con fondos públicos (escolas da Xunta, municipais, de iniciativa social subvencionadas e o cheque infantil) ascenden a a 19.201 en Galicia.

23 de xullo de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.