A Xunta destina 175.000 euros aos proxectos de voluntariado xuvenil impulsados na provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, destinará este ano na provincia da Coruña preto de 175.000 euros ao desenvolvemento de proxectos de voluntariado xuvenil por parte das entidades de acción voluntaria e dos concellos. Así o anunciou esta mañá a delegada territorial do Goberno galego na provincia, Belén do Campo, que informou en rolda de prensa sobre este programa, do que nas vindeira semanas se beneficiarán 235 mozas e mozos coruñeses con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Ao encontro tamén asistiu a xefa territorial de Traballo e Benestar, Pilar Caridad.

Os proxectos, que teñen unha duración de entre 15 e 60 días, abranguen diversas áreas como as vinculadas ao Camiño de Santiago, á recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas, as actividades xuvenís e ambientais e as relacionadas coa igualdade de xénero. Con todo, a maioría –un 43% dos proxectos subvencionados- teñen que ver con colectivos en situación de risco de exclusión social.

Neste senso, Do Campo destacou que “a participación xuvenil en actividades de voluntariado axuda aos mozos e mozas a adquirir valores moi positivos, coma o traballo en equipo, a comunicación, a responsabilidade e a autoconfianza”. En total, os participantes farán 105.325 horas de voluntariado ben nos 20 concellos beneficiados, ben a través das 35 entidades de acción voluntaria.

A máxima representante do Goberno galego na provincia destacou que este é o primeiro programa en todo o Estado que aposta polo compromiso social directo da mocidade. Ademais, tamén resaltou que os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida mediante este proceso de educación non formal, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Ao programa de Voluntariado Xuvenil, o departamento autonómico destina en 2014 un total de 440.000 euros para toda Galicia, un 17 por cento máis que o ano pasado. Nesta liña, a máxima representante do Executivo autonómico animou á mocidade da provincia a participar en proxectos deste tipo, xa que “hoxe en día resulta necesario e enriquecedor complementar as ensinanzas académicas coas experiencias e competencias adquiridas mediante programas de educación non formal de participación xuvenil”.

14 de xullo de 2014 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.