A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía aproba 20 solicitudes de ampliación de vales no programa de alimentación infantil
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres vinte solicitudes de ampliación dos vales de compra dentro do Programa de Alimentación Infantil. Todos corresponden a familias coas que os Servizos Sociais xa veñen traballando ao longo do ano. Como xa se informou no seu día, nestes meses de verán os vales incrementan o seu valor nun 60%. Así, as familias de dous membros que ata recibían 50€, recibirán a partir de agora 80. Os de tres membros pasan de 75 a 125; os de catro, de 100 a 160€; e os de cinco ou máis, de 125 a 200€. Os vales serán efectivos dende o vindeiro luns, día 14.
Por outra banda, hoxe, 12 de xullo, conclúe o prazo aberto polo Concello para que aquelas familias con nenos e con poucos recursos económicos puideran solicitar a participación no programa de catering domiciliario durante o verán. Ata agora, e nos 10 días habilitados para iso, non se presentou unha soa solicitude e iso a pesar das distintas informacións publicadas polos medios de comunicación e das chamadas personalizadas dende os servizos sociais a aqueles usuarios da axudas de emerxencia social cos que traballan a diario durante todo o ano.
ALARMISMO INFUNDADO
Para o goberno local, e especialmente para a Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Elena Suárez, este feito é a demostración de que o alarmismo creado arredor de supostos casos de malnutrición de rapaces vilagarciáns pola non continuidade dos comedores escolares durante as vacacións non tiña sentido. E demostra, ao mesmo tempo, que o que vén dicindo o goberno local nas sesións plenarias e a través de declaracións públicas está moito máis preto da realidade: as familias con necesidades sí están correctamente atendidas por medio dos propios servizos sociais e da rede que forman o Concello e as principais ONGs que operan na cidade.











