A Xunta de Goberno Local de Ourense aproba o proxecto de urbanización da Finca Mariñamansa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou inicialmente na súa xuntanza desta maña o proxecto de urbanización do ámbito número 12 da Área de Reparto 39-E “Finca Mariñamansa”, a pedimento da Xunta de Compensación.

O ámbito abrangue un total de 178.328 metros cadrados, en solo urbano non consolidado de acordo coa ordenación provisional aprobada por decreto 187/2011 da Xunta de Galicia, ámbito 12.

O proxecto de urbanización ten un orzamento de 18 millóns de euros. O seu obxectivo é desenvolver as infraestruturas necesarias: viais, rede de abastecemento, saneamento, iluminación pública e outras para que as parcelas resultantes cumplan coa condición de solares. Entre as obras a realizar se atopan:

– Desvío e canalización do Regato Mariñamansa

– Construción de paso subterráneo para evitar a intersección da glorieta existente na Avenida de Zamora ao tráfico rodado, consistente nunha galería de sección cadrada de 340 metros, cuxa sección transversal de 10 metros de ancho e 5,55 de alto no que se desenrolan 3 carrís de 3 m cada un.

– Explanación do terreo ata acadar as rasantes dos viais

– Construción de instalacións urbanas

– Pavimentación dos viais, das beirarrúas, zonas de aparcamento, isletas e zonas verdes de uso mixto

– Instalación de mobiliario urbano

– Plantacións e xardinería

O ámbito que se desenvolverá con este proxecto de urbanización está incluído dentro das ordenación urbanística provisional como a número 12 das recollidas no Decreto 187/2011 de 29 de setembro.

O proxecto de urbanización aprobado inicialmente esta mañá será sometido agora a información pública polo prazo de 20 días e remitido a informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Atención odontolóxica aos nenos e as nenas saharauis

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a clínica ourensá CODE Dental SL, polo que esta entidade prestará atención odontológica gratuíta aos nenos e nenas saharauis que visitan en réxime de acollida a nosa cidade durante os meses de verán.

O Concello de Ourense agradece un ano máis a colaboración desta  clínica ourensá, que ven prestando este servizo de xeito completamente gratuíto e dunha forma totalmente satisfactoria para o Concello de Ourense, para os nenos e as nenas participantes e para as familias ourensás acolledoras.

17 de xullo de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.