A Xunta comprométese a que o novo CEIP de Oroso comece a funcionar en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOroso
A-
A+
Belén do Campo na reunión con José Manuel Balado

Belén do Campo na reunión con José Manuel Balado

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, ratificou esta mañá o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para poñer en funcionamento o novo colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Oroso. Así llo trasladou ao portavoz municipal do Partido Popular e concelleiro, José Manuel Balado, co que hoxe mantivo unha reunión de traballo.

No encontro, Balado e Do Campo analizaron a situación dos proxectos que o Goberno galego está a desenvolver no municipio, entre os que se atopa o novo equipamento. Neste senso, a máxima representante do Executivo galego na provincia adiantou que ao longo desta primeira quincena de xullo quedarán rematadas as obras, quedando só pendentes aquelas que dependen do goberno municipal. Así, o concello terá que realizar as conexións exteriores coa rede de saneamento e as acometidas eléctricas e de gas, e terá que alterar o rasanteo da vía de acceso ao centro para que se adecúe ao planeamento urbanístico e aos documentos técnicos que serviron de base para elaborar o proxecto.

Ademais, segundo recordou a delegada territorial, o departamento está a agardar a resposta do concello de Oroso respecto da xestión do comedor escolar neste centro. Neste sentido, cómpre lembrar que o departamento educativo da Xunta de Galicia propuxo ao alcalde colaborar con este servizo a través de dúas fórmulas distintas, ben mediante un convenio ao abeiro do cal o concello xestionaría o comedor e a consellería financiaría unha parte do menú escolar, ou ben mediante as axudas que o departamento educativo da Xunta de Galicia convoca para as ANPA que xestionan comedores escolares; neste caso é necesario que a asociación se faga cargo do comedor do novo CEIP.

Capacidade para 450 alumnas e alumnos

As novas instalacións están a supoñer un investimento de máis de 5,1 millóns de euros e permitirán dar resposta ás necesidades educativas do municipio, cunha poboación escolar en aumento. Así, o colexio terá capacidade para 450 alumnos e alumnas.

As dependencias implican máis de cinco mil metros cadrados construídos, así como un pavillón de máis de mil metros cadrados. O centro educativo contará cunha estrutura de dúas plantas e un semisoto, este último destinado ao aparcadoiro, servizos hixiénicos, almacén e instalacións. No primeiro andar situarase a zona administrativa e unha gran sala de usos múltiples.

4 de xullo de 2014 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.