publicidade hoxe

A Xunta comprométese a colaborar con Tordoia na posta en servizo do novo punto de atención á infancia do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaTordoia
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, colaborará co concello de Tordoia para avanzar na entrada en servizo do Punto de Atención á Infancia (PAI) do municipio. Así llo trasladou a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, ao alcalde, Antonio Pereiro, co que mantivo esta mañá unha reunión para abordar este asunto.

Segundo indicou Do Campo, o departamento autonómico está a traballar na elaboración dun convenio de colaboración co concello para dotar de mobiliario ao novo centro, que conta con capacidade para acoller a 20 nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.

A construción destas instalacións, que contou cun orzamento de máis de 180.000 euros, foi cofinanciada entre o Goberno galego e o local, pois a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aportou o 93% dos fondos. Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia amosou a súa disposición a “seguir mantendo o entendemento das administracións autonómica e local e a colaboración institucional para poder ofrecer aos veciños e veciñas de Tordoia un novo servizo de calidade”.

“Nun momento de dificultades económicas como o actual, resulta máis necesario ca nunca aproveitar as sinerxias e incrementar a eficiencia na xestión dos recursos públicos no beneficio de toda a comunidade”, sinalou. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao rexedor “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos cidadáns”.

14 de xullo de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.