A Xunta acometerá diversos traballos de reparación nas vivendas de promoción pública de Novo Mesoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), iniciará nos vindeiros días diversos traballos de reparación nas vivendas de promoción pública de Novo Mesoiro. En concreto, actuarase sobre o bloque de 160 vivendas localizadas nos números 15, 17, 19 e 21 da rúa Ribeira Sacra co fin de eliminar as humidades detectadas nestes inmobles.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, informou esta tarde das melloras nunha xuntanza mantida con representantes da comunidade de propietarios do edificio e da asociación de veciños do barrio, á que tamén asistiu o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Antonio Álvarez. No encontro, Do Campo explicou que a actuación, que contará cun prazo de execución de dous meses, consistirá na instalación dunha nova canle exterior de recollida de augas fora da fachada e no arranxo das deficiencias provocadas polas filtracións anteriores nas vivendas, correspondentes aos dúplex anexos aos corredores de comunicación do edificio e nos espazos comúns.

Segundo explicou a máxima representante do executivo do Goberno galego na Coruña, o proxecto “mellorará as condicións de vida dos veciños e veciñas das 160 vivendas que conforman este bloque, pois contribuirá á eliminación das humidades e filtracións de auga”. Neste senso, a delegada territorial comprometeuse a manter un seguimento dos traballos e a continuar colaborando cos representantes veciñais para atender aquelas propostas que redunden nun incremento do seu benestar.

22 de xullo de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.