A Xanela do Maxín abre o primeiro “Festival Monecadas” de Brión
A Xanela do Maxín abrirá mañá venres 11 de xullo a primeira edición do “Festival Monecadas”, organizado polo Concello de Brión e Titiriteiros da Comarca e que tivo que ser aprazado a semana pasada por mor das malas condicións meteorolóxicas. Trátase dunha iniciativa que combina un obradoiro creativo para os máis pequenos con tres actuacións de importantes compañías de monicreques como Títeres Cachirulo, A Xanela do Maxín e Títeres Alakrán. A participación tanto no obradoiro como nas representacións é totalmente de balde.
O “Festival Monecadas” comezará mañá venres 11 de xullo cun obradoiro de monicreques, ás 18:00 horas, e a representación “O murmurio do mar”, ás 20:00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido a un público familiar, de 45 minutos de duración e que combina os monicreques coa música e cos contos para somerxer ao espectador nun universo tan real coma lendario: o mundo mariñeiro. O obxectivo é que os pequenos aprendan a importancia de coidar e respectar o mar.
Títeres
O sábado 12 de xullo, ás 20:00 horas, o festival continúa na carballeira de Santa Minia coa obra “Pekeno Kabaret de tolos”, a cargo de Títeres Alakrán. Neste espectáculo, o presentador leva ás súas costas un cabaré ambulante sobre o que irán aparecendo grandes estrelas do mundo da música: Camarón de la Isla, Ella Fitzgerald, o gaiteiro Avelino Cachafeiro, Bola de Nieve, Jimmy Hendrix, D.J. Federico, un brakedancer sen papeis, e mesmo a morte… Un espectáculo de fío e puppit belga, de 45 minutos de duración e no que se buscará a complicidade do público para involucralo nun final sorprendente.
O “Festival Monecadas” pechará as súas portas o domingo 13 de xullo, ás 13:00 horas, coa representación de “Pinocho” por parte de Títeres Cachirulo. Un espectáculo dirixido a nenos e nenas maiores de 3 anos, que terá unha duración de 55 minutos e que recrea as aventuras do famoso boneco ata chegar a ser un neno de verdade.











